O máis importante festival internacional da música da lusofonía pechará en 2013, no seu décimo aniversario, unha etapa de consolidación á que seguirá unha nova andaina de internacionalización "porque son varios os países que nolo están demandando desde fai anos", suliña o produtor, Paco de Pin.

Con todo, Pontevedra, a cidade das pontes, seguirá a ser o porto base deste novo festival itinerante que seguirá a ser no futuro unha ponte entre continentes, unha celebración da língua común, do que nos une con Brasil, Cabo Verde, Mozambique, Macao... Na fala, nos sons, na pescuda das raíces comúns e tamén na reflexión sobre a nosa identidade, "todo elo nun marco festivo e de encontro", sinala a directora artística do festival, a artista galega Uxía.

"Neste décimo aniversario queriamos que todo fose un pouco máis enerxético", engade ao dar a coñecer oficialmente o cartel da edición 2013. Celebrarase o vindeiro 12 de xaneiro no Pazo da Cultura da cidade do Lérez e contará co pai do rock portugués, Rui Veloso, cun clásico da música brasileira como é Chico César, co gran embaixador mundial da timbila, o mozambiqueño Cheny Wa Gune, e coa frescura e a forza da galega Sés.

Rui Veloso, con máis de 30 anos de carreira, é unha institución musical que actuará por primeira vez en Galicia co gallo de Cantos na Maré, unha actuación extraordinaria que satisfai especialmente á organización.

Pola súa banda, Chico César é autor de temas xa clásicos da música brasileira como "Mamá África". Foi un dos artistas que actuou na primeira edición e no 2013 volverá a Cantos na Maré coa reedición, dende unha nova lectura, do disco que o deu a coñecer "A primeira vista".

Cheny Wa Gune funde nas súas actuacións a música moderna e os instrumentos mozambicanos. Toca a timbila, "un instrumento impresionante", lembrou Uxía, do que é un embaixador mundial.

pola parte galega, o blues en feminino, os ritmos americanos repensados en galego pola cantautora coruñesa María Xosé Silvar, Sés.

É unha das grandes promesas musicais do país e unha das convidadas onte á presentación da edición 2013 de Cantos na Maré (á que tamén asistiu o actual concelleiro de Patrimonio de Pontevedra e un dos grandes impulsores desta cita, Luis Bará) na que reivindicou o galego portugués como un "instrumento do pensamento, na medida en que compartimos ese código compartimos un xeito de pensar".

Un ano máis, os artistas participantes en Cantos na Maré fundirán os sus ritmos e voces en duetos e outros xeitos de entrontos de sons, a verdadeira sorpresa do festival.

O presuposto desta edición do festival supera os 50.000 euros, un proxecto de alcance que se sufraga nun 40% coa aportación do Concello de Pontevedra, un 30% con outros patrocinadores e, por primeira vez, o público aportará outro 30%, xa que pagará 25 euros por butaca. trátase, e derivado da crise, da entrada máis cara da historia de Cantos na Maré.