A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) celebrará en Pontevedra as "I Xornadas sobre o Entroido de Galiza", que terán lugar na Casa das Campás os días 21 e 22 de febreiro, a base de relatorios impartidos por diversos expertos na materia e dunha exposición de fotografías e atuendos tradicionais desta celebración que se locen nas localidades onde o Entroido ten máis raigame.

O xoves 21, a partir das 19:00 horas, Antonio Vázquez impartirá unha charla titulada "O entroido urbano en Pontevedra", dende a súa orixe no século XIX e o xurdimento da figura do Rei Urco, que preside os festexos na cidade. Seguiralle José Ángel Rodríguez, cunha ponencia sobre "O Entroido en Vilaboa" e o protagonismo das madamas e galáns, que percorren as parroquias de San Andrés e Santa Cristina representando unha danza ancestral e lucindo chamativas vestimentas e tocados. Por último, o etnógrafo Miguel Losada abordará "O Entroido en terras de Ourense", onde destacan as pantallas, os cigarróns e os peliqueiros no triángulo máxico que conforman as localidades de Xinzo, Verín e Laza.