Pola contra do que acontecía coa meirande parte das casas labregas centenarias, asentadas en pequenas extensións de terreos adicados a quinteiros, eixidos e hortas, nas chamadas casas grandes e pazos contábanse por ducias e centos os ferrados de terra que ocupaban as granxas anexas. Acontecía deste xeito porque, nos séculos XVI e XVII, nobres, fidalgos, eclesiásticos e persoas ricas vencelladas con eles, instituían vínculos, fundacións e morgados con todos os bens que posuían para que se mantivesen indivisibles, ao longo do tempo, no poder dunha soia persoa da liñaxe do fundador, "con preferencia del hombre sobre la mujer y el de mayor edad sobre el de menor edad"; "que no sea casado con Judía ni Mora, ni reconciliada por el Santo Oficio, sino limpia cristiana vieja", segundo rezan as escrituras vinculares. Esta situación inxusta rematou definitivamente en 1841 polo que, na actualidade, é difícil atopar no concello de Moaña granxas que permanezan case intactas, como acontece no Foxón, en Tirán.

Logo dun prólogo de Luís Chapela, no libro pódese ler como un crego de Cangas, que a finais do século XVI era abade de Tirán e a comezos do XVII cóengo da catedral de Ourense, vinculou, en 1629, un meirande patrimonio entre o que se encontraba a chamada: Granja de Vilela, sita en la feligresía de San Juan de Tirán, cerrada y circundada de muros con sus casas, castañales, dehesas y árboles de dar fruto.

A finais do XVII, o herdeiro do fundador habitaba na casa grande, que aparece nos documentos co nome de "Fojón", e dende ela administrou tamén outro vínculo, este na parroquia de Coiro, formado polas granxas de Castrillón e Retirosa.

Aínda que era moi difícil que unha muller puidera herdar os citados vínculos, ata dúas donas aseñoraron o Foxón no século XVIII e unha no XIX, pola causa da ausencia de irmáns; todas elas tiveron que acudir a testemuñas masculinos para asinar documentos, por non saber escribir posto que, o analfabetismo era normal nas persoas do xénero feminino ao non existir, neses séculos, mestres de rapazas. Para poñer un exemplo de tal discriminación, cumpre referirse ao Catastro do Marqués de la Ensenada de 1752, que aporta as utilidades de dous "maestros de niños" que en Tirán alfabetizaban unicamente a persoas do sexo masculino. Iso non era óbice para que se enterraran na capela maior da igrexa de San Xoán e levaran tratamento de Dª. denantes do seu nome.

Nun traballo que abrangue ata cinco séculos da vida desa Casa e Granxa, son moitos os feitos históricos que é doado subliñar, ademais dos citados; deste xeito, o cóengo fundador, na data do 7 de decembro de 1617, vésperas da Inmaculada, salienta que: me salvé de los moros a tiempo que quemaron la dicha villa de Cangas con oraciones que hice a tan Gran Santa; motivo polo cal, manda erguer unha capela no lugar onde estivo rezando, na zona canguesa de Cima da Vila; no século XVIII, destácase un preito que rematou na Chancelería de Valladolid e no XIX, a voda de D. Prudencio Matos, procedente do Pazo do Xistro, en Coiro, coa Sra. do Foxón, Dª. Francisca de Santos, que foi a última posuidora dos dous vínculos históricos que gozou ata 1823, ano en que tivo lugar o seu pasamento.

Testamento

Doce meses antes outorgara testamento mediante o cal, pola primeira vez, tivo que repartir as posesións vinculares entre o marido e os tres fillos do matrimonio, obrigada pola lei de supresión de vínculos e morgados, promulgada durante o chamado trienio liberal.

Entrou a burguesía no Foxón a través dos sucesores da finada Dª. Francisca, derradeira muller, tamén analfabeta, que o aseñorou; así, os fillos exerceron a profesión de avogados, ocupando diversos cargos políticos e a filla, casou co xuíz de Cangas, D. Manuel Ventura Sequeiros. A comezos do século XX coa morte, en 1901, de D. Cándido Matos, sen deixar descendencia directa, remata a liñaxe dos fundadores; deste xeito a Casa e Granxa hérdana en usufruto mentres viva, outra muller, a súa viúva santanderina, Dª. Antonia de la Torriente, e ao finar esta en 1935, a sobriña, Dª. Máxima Pujol de la Torriente, cántabra como ela. Óllase pois, como outras dúas persoas do xénero feminino, estas con bastante cultura, foron Sras. do Foxón no século XX.

Casamento de Doña Máxima

Dª. Máxima, casou co militar D. José Carvajal Quiroga, neto do xurista D. José Carvajal Pereira que fora, en 1853, o primeiro director do xornal Faro de Vigo, e do conde de Villar de Fuentes, D. Fco. Javier Quiroga, que habitara no pazo vigués de San Roque. D. José retirouse do exercito en 1931 pasando a administrar, en nome da súa dona, as moitas propiedades que aínda posuía o Foxón; non obstante, a comezos da guerra civil, logo de ocupar durante poucos meses a alcaldía de Moaña, reintegrouse ao exercito, co grao de capitán, ata que pasou á reserva en 1952.

En 1976, cun intervalo de dous meses tivo lugar o pasamento de D. José e Dª. Máxima, último matrimonio que aseñorou o Foxón; a propiedade herdárona os fillos que por ter dificultades para manter unha vivenda grande, reconstruída en 1923 no estilo indiano, emprenderon unha política de vendas que deu orixe á extinción da Casa e Granxa no ano 1977, ademais doutras pertenzas; no seu lugar encóntrase actualmente o chamado, Cámping de Tirán.