A exposición de Alexandro, Antón Lamazares e Vidal Souto, do Centro Cultural Marcos Valcárcel, reivindica o valor máis importante da nosa xente: a ourensanía.

Alexandro, Lamazares e Vidal forman parte do noso patrimonio, algo que temos que por en valor individualmente, son especiais pero en conxunto son universais, a súa obra enche os mellores artigos da nosa historia.

Tres artistas, tres amigos que teñen en común moitas cousas, pero tamén moitas diferenzas. Teñen en común a ourensanía, e a súa xenerosidade, pero teñen como diferenza substancial a súa mensaxe na pintura.

Os tres artistas penetran no interior de Galicia, un feito diferencial, unha maneira de empurrar a nosa peculiaridade, temos que recoñecer que somos diferentes, eles encárganse de dicírnolo coa súa mensaxe.

Esta exposición marca o inicio dunha proposta que hai que ter en conta, pasar a barreira do Padornelo é penetrar na cultura e historia do noso territorio, universal e xeneroso, como ben saben as nosas xentes da emigración.

Non debo entrar na análise da súa obra, nunca fixen tal cousa, pero recoñezo a súa proxección e sentimento cara a nosa xente, a súa xenerosidade, e por riba de todo o seu compromiso ca nosa terra.

Os tres fixeron exposicións, teñen recoñecemento de todos, pero nunca deran o paso de expoñer xuntos.

Esta exposición tivo a ben reunilos, reforzar o seu sentimento de amizade e sobre todo, deixar na historia desta cidade a pegada dos seus mellores artistas vivos.

(*) Comisario da exposición e vicepresidente do Parlamento galego.