Medio centenar de alumnos de bacharelato de artes do instituto María Soliño asistiron onte pola mañá á presentación da mostra "Escenografía: a arquitectura dos soños", unha exposición de maquetas e traballos do alumnado da especialidade de Escenografía da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Eufrasio Lucena-Muñoz, profesor da ESAD, comisario e coordinador da mostra, foi o encargado de impartir a charla que versou sobre esta actividade e que acompañou de videos e reproducións de distintos escenarios. Tamén asistiu o coordinador e supervisor do evento, Antón Lamapereira, director da Revista Galega de Teatro (RGT), que acaba de sacar á rúa o número 77.

A especialidade de escenografía implantouse en Galicia no curso 2009-2010, "e desde 2013 fornece ao país dos seus primeiros egresados, profesionais da plástica escénica, do discurso dramatúrxico elaborado a través da luz, do deseño de espazos, da caracterización, da indumentaria...", sinala un dos carteis que colgan das paredes da Casa da Cultura de Cangas ata o venres día 17. "A escenógrafa e o escenógrafo non son simplemente decoradores, ilustradores ou creadores de beleza formal e simbólica. Son narradores a través do código visual, colaboradores en man común do feito feito colectivo que é o teatro", engaden. A exposición trata de fomentar o interese polas artes escénicas ao público en xeral, sensibilizar sobre a importancia do teatro na nosa sociedade, apoiar a súa creación e dar a coñecer o Arquivo María Casares, que alberga a Casa da Cultura.

RGT

Ao mesmo tempo, desde hai uns días está na rúa o número 77 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao inverno de 2013 e que "chega con algo de retraso, pero chega, que non é pouco", como recoñecen no editorial. Entre os contidos hai unha sección de banda deseñada, Temas adicados a Vidal Bolaño e Urbano Moledo, repaso aos Festivais de Ribadavia, Avignon ou Cádiz, os espectáculos "Curriculum vitae", "Románticos" e "Sigue buscando", Espazos para "Un tranvía chamado desexo" e "Xornadas Abrente", e a habitual sección de Libros, entre outros.