- María Soliña é un personaxe atractivo para calquera escritor, pero tamén é certo que sobre ela se ten escrito moito, e que resulta difícil, xa que logo, dicir algo novidoso. Que foi o que o animou a facer unha novela a partir desta, abondo coñecida, historia?

-Concordo en que a personaxe de María Soliña está en boca de todos os galegos, pero dubido moito que a maioría saiban, eu incluído ata que investiguei para a escrita da novela, quen era, como era e que pasou con ela. Por iso mesmo, pola súa forza, pareceume unha figura idónea para formar parte da historia na que quería reflectir a crise dunha sociedade, a perda de valores, a ambición e as envexas, cando todo se vén abaixo. A Voz do Vento é un relato coral, con moitos secundarios de luxo que articulan a trama. María Soliño é un deles, cunha forza incrible; ela representa os valores da sociedade con principios, como outros máis que teñen que loitar contra os que se posicionan do lado dos ambiciosos.

-A que fontes, documentais ou non, acudiu para elaborar a novela?

-Pedín consello a historiadores da USC para que guiasen os meus primeiros pasos e me abrisen os ollos ás mellores fontes. A partir daquel momento, todo foi mercar libros, visitar bibliotecas, mirar mapas, percorrer o Morrazo, pasear por Cangas e por Santiago e deixarme gañar pola historia que quería escribir, polos feitos que devecía contar, polos valores que buscaba criticar ou destacar. O traballo non foi doado, como ningún traballo o é, pero dediqueille case tres anos da miña vida.

-E, á luz desas fontes consultadas, quen viña ser, en realidade, María Soliña?

-María Soliño, que así era o seu apelido, o mesmo que aínda queda en Cangas e en todo o Morrazo, foi unha muller que se dedicou ao comercio xunto co seu home, que era patrón de pesca. A partir de saber que posuía casas, terras e dereitos de representación en dúas igrexas da xurisdición de Cangas, recreei a vida desa muller lendaria. Cando Cangas sofre o ataque e a sociedade entra nunha espiral de derrota e perdición, ela convértese nunha vítima propicia para as ambición dalgúns personaxes sen escrúpulos.

-Quen tivo máis culpa na condena de María: a Inquisión ou os veciños cheos de envexa que a denunciaron?

-Quen denuncia, faino por algo. Non vou defender a Inquisición, está claro. Pero a denuncia chegou a eles e eles actuaron en consecuencia. Nas novelas quero reflectir a vida dos protagonistas no seu contorno e nas relacións cos demais personaxes; polo tanto, non hai bos e malos, hai persoas que viven a súa vida. As veces obramos con rectitude e outras nos deixamos gañar polos que defenden o que antes criticábamos. A vida non é doada nunca.

-En qué medida A voz do vento

-A Voz do Vento é unha novela. É certo que me apoiei, como xa dixen, en acontecementos históricos e en personaxes tamén históricos. Moito do que rodea a eses personaxes está nas fontes, o demais é ficción. Porén, os lectores van ter unha visión moi aproximada do que puido acontecer antes, durante e despois do ataque dos piratas a Cangas, e do que en realidade pasou con María Soliño, quen a delatou, por que, quen a xulgou, cal foi a condena e que pasou cos seus.

-A voz do vento sae só tres meses despois de que se editase o seu libro anterior, A voz do ventoNovos pasos por Bretaña

-Son dous libros diferentes. Novos pasos por Bretaña é un libro de viaxes de autor que inaugurou a colección de viaxes da serie "Crónica" de Xerais. A Voz do Vento é unha novela. Manuel Bragado, director de Xerais, convenceume de que a publicación dos dous libros en datas tan próximas non ía ser un problema, mais ben ao contrario, un libro apoiaría o outro. Confío no seu saber.

-Falemos do libro de Bretaña, que evidentemente é herdeiro do de Castelao (As cruces na Bretaña

-En ningún caso quixen competir cos dous grandes aos que seguín por Bretaña; ao contrario, quixen seguir os seus pasos para aprender, para coñecer a súa visión. A miña mirada é a do século XXI, con ollos postos no pasado bretón e no pasado dos galegos que antes ca min visitaron Bretaña, pero cunha ollada cara ao futuro, un futuro que quero que me leve outra vez á vella Armórica e que leve os lectores do meu libro. Se a min me dixeron dende institución francesas que moito do patrimonio do que debuxou Castelao fora destruído na II Guerra Mundial, e cando chego alí comprobo que todo existe e está marabillosamente coidado, o meu labor, a miña intención foi reflectir esa vixencia e moitas outras da realidade bretoa actual para os galegos que a queiran visitar ou que, simplemente, se fíen da miña ollada viaxando dende as páxinas do meu libro.

-Estes dous textos veñen precedidos dunha incursión na literatura infantil, o conto de Nadal, A estrela de Oriente

-Sen dúbida que vou repetir. De feito é algo que xa teño entre mans e que espero ter rematado en poucos meses. A estrela de Oriente é un libro ao que lle terei sempre un afecto especial, por estar pensado para a miña filla Eri. Ademais, foi recibido por Bragado, director de Xerais, cos brazos abertos e iso notouse na edición tan coidada coa que o publicou.

-Ser, grazas a televisión, unha persoa coñecida e popular en Galicia, estálle a servir para vender mais libros ou, pensándoo ben,igual a súa faceta televisiva pode perxudicar, e incluso restarlle prestixio, á súa faceta literaria?

-Son dúas cousas diferentes que, porén, penso que tamén interactúan para ben e para mal. Pero quero lembrar que aínda que colaborei en prensa, radio e televisión a nivel estatal, só son máis ou menos coñecido en Galicia. Sen embargo, á marxe da televisión, publiquei cinco libros en castelán, algún deles con grande éxito de vendas, dos que no seu momento houbo posibilidade de facer versión en galego. Os lectores queren que o libro que mercan sexa do seu agrado, sen pensar mentres len en se o autor é ou non famoso por outros motivos.