Toda unha gratificante sorpresa a recibida cando xa concluíamos unha xornada de actividades e nos dispoñiamos ao lecer. Unha maiúscula emoción foi apoderándose de cada un dos presentes. Soaban as primeiras notas que foran quen de nos transportar a un pasado ateigado de lembranzas, de vivencias imposibles de esquecer, sons que nos marcaron e marcaron unha etapa de moitas vidas, dunha época pouco doada.

Eran son que pertenceran ás primeiras voces que se enfrontaban aos poderes, os primeiros pasos orientados á loita polas liberdades, voces e sons desconformes con todo o establecido. Nacía o fenómeno que ía transformar á sociedade do planeta, vinda da man de xentes que amosaban unha maneira diferente de pensar e concibir o desenvolvemento sociocultural, que influiría sensiblemente no conxunto da sociedade. As grandes mobilizacións comezan ser algo cotiá, as correntes artísticas, tanto das artes plásticas como musicais e escénicas, ábrense a novos conceptos. Novas filosofías agroman por cada curruncho da xeografía do planeta, movidas por un desmesurado intento renovador e na defensa dunha sociedade mais xusta e humana.

A década dos sesenta, estivo marcada polo nacemento do fenómeno de masas promovido por bandas como os Beatles ou os Rolling Stones, aos que seguirían Os Stokers, Royal Juvens Group, Drakkars, Phonix, Verdugos, Pontys e, moitos outros. Logo os cantautores que denuncian as inxustizas e poñen voz ao pobo e a escrita dos poetas da vangarda contestataria.Vai ser no mil novecentos sesenta e oito, marcado polos movementos hippies e, sobre todo polo acontecemento que vai soar aos catro ventos no universo, nacido na Universidade de Nanterre: "O maio francés", cando se constitúe o grupo musical que nos transportou no tempo e ateigou de emoción e bagoas enchidas de ledicia e maxia, nunha velada inesquecible: Black Stones.

Aquela fin de xornada referida ao comezo desta testemuña, un venres de tantos ateigado de actos, logo dun tente en pé, decatámonos dunha actividade anunciada no Salasón, que de seu xa tiña moito de mística engadida debido ao seu enunciado xenérico: "O Grupo pontevedrés Black Stones, homenaxea aos Beatles", a maxia asomou cando como se de unha espera provocada se tratase, tan so traspasar o quicio da porta, soa unha das marchas mais fermosas beatlerianas, véndome inundado de bagoas de xeito irremediable. Asomo unha ollada ao escenario e, media ducia de músicos, si, músicos daquela, enchían o espazo envolto nun místico son, cómplice e respectuosamente seguido do tímido murmurio a modo de acompañamento e lembranza dos e das expectantes. Todo estaba harmonizado polos seis compoñentes da banda, ataviados de guitarras eléctricas, baixo e batería, que acompasaban a voz vocalista e sutís coreografías, desprendendo unha frescura efecto do vivo e o directo pouco usuais nestes tempos, agromando unha absoluta fidelidade dos temas a interpretar, ate o punto de convidar a pechar o ollos e imaxinar doadamente aos orixinais intérpretes.

Se importante era o concerto-homenaxe aos Beatles e outros grupos da época, non menos viña a ser a composición humana dos Black Stones. Músicos amantes do seu bo facer, roldando os setenta, de cabelo cano e salvo raras excepción escaso, pero convencidos do amor profesado á harmonización dos sons, á música de seu, que non esmorece, imperecedoira a pesares do decorrer dos tempos. Toño Carbajo -economista-, Tino Dominguez -periodista-, Santi López -autónomo-, Xaime Carbajo -profesor de literatura-, ás guitarras e voces, Fredy Nistal -profesioal das artes gráficas-, á batería e voz e, Armando Guerra, -artista plástico- ao baixo e voz, conforman este grupo, que cun maiúsculo amor pola música, sacrifican o seu tempo de lecer á practica dunha emotiva emoción, con ilusión e disfrute, que ao tempo contribúe na mellora da calidade de vida do conxunto da sociedade. Agradecemento pois para Black Stones, para os seus compoñentes, en particular para Armando Guerra, que non esquezo a súa xenerosidade, cando daquela nos desprazamos a Pontevedra, para lle solicitar apoio, cousa que non dubidou en absoluto, e emprestarnos un grupo de son, pois tiñamos un concerto no cine Avenida, no que ían intervir Amancio Prada e María del Mar Bonet, co pouco despois malogrado Gatinoni.

Por todo. Grazas.

(*) Artista de Cangas