A iniciativa "Marín medra entre poemas" logrou unir ós diferentes colectivos sociais, culturais, políticos e tamén ás escolas da vila, nunha actividade que tenta achegar a literatura ós veciños e preparar o camiño para a celebración do Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio. Esta exposición de poemas, escollidos por preto de medio centenar de colectivos e institucións de Marín, pódense ver xa na Alameda Rosalía de Castro.

Grandes paneis pendurados das árbores deste parque exhibien unhas 40 poesías de diferentes autores, escollidos tanto polos centros de ensino como asociación culturais, empresariais e mesmo partidos políticos de todos os signos. A Asociación Queremos Galego, os comerciantes de Estrela de Marín, a Asociación de Artesáns, o grupo de gaitas Picuíña, Anova, Almuinha, os colexios e institutos, os clubes de fútbol e balonmán, e partidos políticos, tanto representados na corporación municipal coma os que non, forman parte desta iniciativa cultural.

A actividade xurdíu dos equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e foi asumida rápidamente pola grande parte dos colectivos sociais de Marín.

Para dar a benvida ó Día das Letras, do balcón principal do Concello pendurouse ademais unha gran pancarta cun texto do autor homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro.

Entidades como Queremos Galego Marín preparan tamén varias actividades para esta festa. O venres 16, ás 19.30 horas, se inaugurará unha exposición no Museo Manuel Torres con ilustracións de Héitor Picallo e dos autores homenaxeados nos Días das Letras Galegas. Ás 19.45 presentarase o libro "Coa lingua na Terra", de Héitor Picallo.

O Bichero

O xoves 22, ás 19.30 horas, Queremos Galego Marín presentará tamén o libro de ilustracións de Luis Davila "O Bichero: Menudo día".

Organizado polo Clube de Opinión Portocelo, o martes 13 ás 20.00 horas, desenvolverase no Museo Manuel Torres o acto "Recordando a Rosalía". Será unha disertación sobre a obra de Rosalía de Castro a cargo de Pilar García Negro, profesora da Universidade de A Coruña e destacada investigadora da vida da máis representativa escritora galega.

A charla ten por título "O que nos queda por saber sobre Rosalía de Castro" e estará seguida dun recital poético no que intervirán a escritora buenense Asun Estévez; a poeta marinense María Luísa Pintos; Tesi L. Carragal, presidenta de "Mulleres O Abeiro" e Josefa Area, poeta.