O Festival Intercéltico do Morrazo abre esta noite a súa trixésima edición e o plato forte desta primeira xornada será o famosísimo grupo Luar na Lubre. O escenario voltará a ser o palco da música do paseo marítimo e a actuación do conxunto está prevista para ao redor das 23.00 horas. Luar na Lubre cumpre 28 anos e nestas case tres décadas conseguiu ser o un dos grupos de referencia, a nivel nacional, de música celta. A versión do seu "O son do ar" interpretada por Mike Oldfield, para quen previamente deron un concerto privado, os fixo internacionalmente coñecidos. Mais en Luar na lubre non son todos veteranos. A súa actual cantante, Paula Rey, incorporouse no ano 2011. Esta coruñesa formada en canto clásico está moi contenta de formar parte deste proxecto e así o manifesta xusto antes de debutar no Intercéltico.

-Cal é a súa formación académica e onde estudou?

- Eu estou formada en ballet e en canto clásico. Fun ao conservatorio profesional de Valencia e en Viena rematei a miña formación como bailarina clásica.

-Como alguén que estudou canto clásico remata cantando folc galego en Luar na Lubre?

-Eu aínda que estudase clásico estiven moi en contacto con diferentes estilos de música. A música folc foi algo que sempre quixen facer e cando xurdiu a oportunidade de facer as probas para o casting de Luar na Lubre, fun alí a probar sorte e aquí estou. Pero antes de Luar na Lubre tamén estiven nun grupo amateur de música funky en galego, polo que sempre toquei diferentes rexistros dentro da miña carreira como cantante. O que pasa que a miña formación musical é de clásico.

- Que espera do público do Festival Inercéltico de Moaña?

-Esta é a miña primeira vez no Intercéltico. Ogallá que nos acollan o mellor posible. O_Intercéltico do Morrazo é un dos festivais potentes de música folc, é bastante importante.E claro, impresiona pensar que vou estar nese escenario por primeira vez.

-Coñecía xa o Festival Inercéltico?

-Si, no mundo da música folc, como xa dixen, é un dos festivais potentes e por iso é coñecido. Por outra banda, un compañeiro que estudou comigo Maxisterio Musical en Compostela era de Moaña, e sempre falaba do Intercéltico coma algo impresionante.

-Compaxina o seu traballo de cantante en Luar na Lubre con outras actividades?

-Como comentei, estudei Maxisterio Musical, e dou clases de canto e de realización vocal, porque fixen algo de logopedia. Neste mundo e na xente da miña xeración, como non te movas por todas partes e ata o infinito e máis alá parece que non fas nada.

-Como foi a súa entrada no grupo Luar na Lubre hai tres anos?

-Foi unha transición bastante doce no comezo por parte dos meus compañeiros. Eu sentínme cómoda dende o primeiro momento. Creo que houbo unha conexión instantánea, penso que son unha persoa que me sei adaptar facilmente ás novas situacións, e como esa música sempre me gustou, e sempre a entendín, foi dodado. Hei de dicir que tampouco foi un camiño de rosas, houbo moito traballo, sobre todo para buscar o estilo. Pero os meus compañeiros sempre me axudaron moito e sempre me deron bos consellos. Estou moi contenta con eles, déronme a capacidade de desenvolver a miña capacidad vocal neste estilo de música por todo o territorio español.

-Pero non sentiu nervios ou presión ao saber que ía ser a cantante de Luar na Lubre?

-Os primeiros concertos notei esa presión. Pero xa digo, o apoio dos meus compañeiros fíxome levalo o mellor posible. Para min o primordial é cantar e facer música e entón intento quitarlle un pouco de ferro ao asunto, pero sen perder o respecto a esta grande institución que é Luar na Lubre. Aínda así, procuro non pensalo moito.

-Están traballando nalgún novo proxecto? Haberá algo novo de Luar na Lubre no mercado antes de final de ano?

-O que fixemos o pasado xuño é o novo proxecto "Torre de Breogán", que o facemos en conxunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Neste traballo rescatamos a historia da Ruta dos Milesiáns, unha historia inspirada no libro irlandés Leabhar Ghabhala Eiran e falamos tamén de Breogán. Todo isto o acompañamos con imaxes e instrumentación da orquestra sinfónica. Todo isto vaise editar e vai saír o vindeiro outono. Namentres seguimos coa xira co noso último traballo "Sons da Lubre nas Noites de Luar", que é o que imos tocar no Inercéltico do Morrazo. É un percorrido por toda a discografía do grupo.

-Canto tempo leva en activo Luar na Lubre?

-Este ano o grupo está de aniversario. Cumprimos 28 anos, eu falo sempre en plural a pesar de que levo só tres anos. Sempre bromeo cos meus compañeiros de que cando eles empezaron a formar o grupo eu non tiña máis que sete anos de idade.