SALOMÉ SOUTELO | VILA DE CRUCES

Inmersos na creación de chapas nas que figuran os elementos máis importante da súa parroquia e na publicación dun libro sobre as tatuaxes en lingua galega, agora os alumnos do instituto ensínanlles ós máis pequenos que os nervios do directo non existen.

Se no Festival de Cine de Cans, en Porriño, o paseo da organización e colaboradores en chimpín é un dos eventos con máis repercusión, en Vila de Cruces a partir de agora as cousas de importancia vanse facer en tractor. Os alumnos do IES Marco do Camballón visitaron onte ós seus compañeiros do colexio Nosa Señora da Piedade para explicarlles todo o traballo que levan feito sobre tradición oral e a dinamización lingüística. Os alumnos do instituto entraron no CEIP en tractor, desde o que interpretaron varios temas de música tradicional e fixeron unha exhibición de regueifas. As regueifas son unhas cantigas con certo reto creativo, no que dúas persoas se enfrontan verbalmente mantendo sempre a improvisación e o ritmo desa canción. Podemos dicir que se asemellan ó rap ou, por qué non, ó Alto dos Xenerais que tan bos exemplos tén en Cruces e tamén en Silleda. A exhibición de onte serviu tamén como ensaio para os alumnos do instituto, pois este venres participan no Certame de Regueifas do Concello de Vigo. Neste certame medio milleiro de alumnos vai poñer a proba a súa voz pero tamén o seu nivel de improvisación.

Tras este concerto tan sorprendente como orixinal, os maiores explicáronlles ós pequenos outros proxectos vinculados á difusión do galego e que acadaron moita repercusión nas redes sociais. Falaron, así, das lendas tradicionais que aínda lembran pais, abós e os veciños que viven na residencia para maiores, cos que se celebrou un encontro interxeracional a mediados de decembro. Pero a tradición tamén pode preservarse en forma de chapa, ou sobre a pel. Por iso, desde o instituto cruceño púxose en marcha unha recollida das características típicas de cada parroquia, para plasmalas nesas crachas de 38 milímetros. É así como na de Piloño figura unha gaita, en memoria ós tres veciños que faleceron en xullo de 1968 cando tentaban cruzar en barca o río Ulla, sobre o que xa se fixera o encoro. Sobra dicir que a de Vila de Cruces luce o Galo de Curral.

Tattoos da Galiza, máis información na páxina www.ithcrowdfunding.org.