O adro do Hío voltará a ser este fin de semana unha festa. Unha celebración con moita música e, sobre todo, con moita queimada. A Asociación Cultural O Furatoxo organiza esta fin de semana a terceira edición da súa Festa da Queimada, un evento que segue a crecer e que nesta ocasión inclúe unha programación para todo o día.

A celebración será este sábado 4 de xullo e os encargados de lembrarllo a veciños e forasteiros serán Ameça de Bombo, unha auténtica "treboada popular" formada por habitantes do Hío e que durante a mañá percorrerán os camiños da parroquia. Unha das grandes novidades deste ano é a celebración dunha sesión vermú, que arrincará a partir do mediodía no mesmo espazo no que logo terá lugar a queimada.

A festa grande terá lugar a partir das nove da noite e os primeiros en quentar o ambiente serán El Patio, un dúo vigués de versións, que ofrecerá un primeiro pase. Será no intermedio cando a temperatura suba aínda máis graos porque será entón cando se elabore a tradicional queimada, na que non poderá faltar o esconxuro. Os encargados de poñer música e amenizar tan importante momento será o cuarteto de música tradicional Viruxe de Outono.

Unha vez feita a queimada a festa continuará co resto da programación músical. El Patio ofrecerá un segundo pase antes de despedirse e logó será o momento Maskarpone e de Skandalo GZ. A primeira é unha banda ourensana que mestura reggae, ska, rock e música tradicional, mentra que o segundo dos grupos procede de Ponteareas e o seu punk-ska inclúe letras combativas.

Furatoxo organiza esta festa popular coa intención de darlle continuidade ás celebracións Cristo da Luz do Hío, que deixaron de celebrarse. A organización desta Festa da Queimada é posible grazas á venda de rifas e á colaboración dos establecementos que axudan economicamente para a súa organización e celebración.