Cunha sonoridade moi buscada e exquisitamente tratada, a percusión que dá vida ao novo traballo do músico galego Xabier Díaz propagouse con enerxía na noite de onte no Auditorio municipal da Praza do Rei. As melodías de base tradicional, rescatadas polo propio cantante e investigador nos últimos 30 anos nun minucioso traballo de recompilación do legado popular, ganan, sen dúbida, contemporaneidade coa posta en escena de ´The Tambourine Man´: un Xabier Díaz que volve ás orixes como cantareiro pero cunha visión innovadora e renovada das pezas recollidas no seu día, cos irmáns Álvarez cun toque especial á zanfona e ao acordeón e once mulleres armadas con pandeiretas, pandeiros, pandeiras, cunchas e as súas poderosas voces que, en semicírculo, arroupan e empastan á perfección co sentir do solista.

Antes de presentar en Madrid e Barcelona este traballo, que mostra a música galega cun son moitas veces rompedor pola combinación dos instrumentos melódicos e rítmicos, o compositor galego fixo escala en Vigo, onde describiu a raíz de cada peza ante un público que interactuou en todo momento co artista e as súas peticións de feedback. Cantares, maneos, alalás ou muiñeiras recuperadas do pasado polos investigadores da tradición, coma Díaz, plasmadas con gusto e elegancia en pleno século XXI, para quedar. Se hai un instrumento que adquire protagonismo no novo disco de Díaz é o pandeiro cadrado, un son que ata hai pouco permanecía case durmido, e que o músico galego quere impulsar e prestixiar. "É tan sinxelo como poderoso, feito con madeira e pel de animais. Os adufes foron moi populares no seu día ata que foron sustituidos pola pandeireta", explicou Díaz no concerto. Lembrou que moitas das cancións incorporadas ao novo disco foron recollidas dende Salvaterra de Miño e Pontecaldelas (provincia de Pontevedra), ata A Gudiña (Ourense), a montaña de Lugo, Val de Soneira ou Bergantiños (A Coruña) e incluso algunha non galega pero con base tradicional, como 'La Molinera', de Palencia. Esa lentitude coa que foi tecendo o novo traballo, repensando temas tradicionais que gardaba no baúl para darlles unha nova forma durante máis de dous anos, percíbese tamén na cadencia das voces, pausada e segura, no escenario, que por momentos trae imaxes de ruadas e, noutros instantes, viaxa cun estilo propio de ´músicas do mundo´.

Referencias á investigación

Díaz, que foi a voz da banda Berrogüetto no seu día e de formacións como aCadaCanto, dedicou palabras cariñosas a mulleres como Concha de Luis Seoane (A Gudiña) ou a Maruja de Soutomaior, que no seu día lle transmitiron todo ese patrimonio inmaterial gardado nas súas memorias e os patróns clave para tocar o pandeiro cadrado, tradición que conservaban intacta pese á idade. Tamén se lembrou Díaz de Teresa Barizo, de Bergantiños, informante do Pasodoble de Beo. "Elas cantaban facendo calquera labor, era un hábito, que hoxe non conservamos", indicou Díaz. Houbo momentos para lembrar, ademais, a investigadores que percorreron Galicia máis de 50 anos atrás para gravar a súa esencia musical, como Alan Lomax, etnomusicólogo de Estados Unidos, ou Dorothé Shubarth (Suiza), que inmortalizou en Galicia melodías populares nos 80, como a Muiñeira da Picota, que Díaz inclúe neste disco.

As Adufeiras de Salitre, intercalando ritmos con distintas percusións e ás veces incluso sin instrumento, únicamente cos dedos e a expresión corporal, aportaron potencia e viveza á escena e ás interpretacións, baixo a batuta de Díaz, que no seu día foi profesor deste equipo de pandereteiras e cantareiras. Non quixo despedirse o músico galego sin presentar aos irmáns Álvarez, de Trives, e ás 11 adufeiras, citando ademais a colaboradores que contribuiron a darlle forma a distintas pezas como Kepa Junkera, Aleix Tobias (Coetus), Xosé Manuel Budiño, Alfonso Merino ou Fernando Barroso.

Cun título que alude á creación de Bob Dylan, a nostalxia do 'Señor Pandeireta' (ou o ´Home percusionista´, buscando a tradución exacta) pasou por Vigo e deixou constancia da súa aspiración universal, para contribuir a situar a música galega noutras latitudes. 'Mr Tambourine Man, play a song for me. I´m not sleepy and there is no place I´m going to'. Dous 'bises' para acabar empezando, cunha xota de Salvaterra, e moitos aplausos.