Desde o pasado venres e ata mañá martes, é posible vivir o Entroido cada día nun punto diferente da comarca dezá. Onte foi o turno dos desfiles en Agolada e Rodeiro, mentres que Lalín, despois da resaca do vermú de señoritas e da procesión de Santo Torrisco, demostrou que hai segundas partes que sí son boas. A capital dezá, como todo domingo de Entroido desde hai 10 anos, trasladou a festa ó barrio da Cacharela, onde 15 nenos e adultos, vestidos de Cacharelos e armados de fariña e toxos, lle ensinaban a xente os perigos que podía traer iso de non se disfrazar nestas datas. A rúa tamén acolleu varios postos de venta de postres típicos e xogos para todas as idades. Houbo, ademais, o bautizo de tres novos cacharelos.

Sen sair de Lalín, os nenos tamén tiñan outra cita: a segunda sesión do Títerentroido. O Museo Ramón Aller acolleu ducias de rapaces para ver a representación de As bombas e o xeneral, a cargo de Tanxarina Títeres. A seguinte función será mañá martes, ás 12.30 e ás 18.00 horas, con Traspusteros Teatro, que porán en escea a peza Este conto nao é meu.

Tamén a media tarde arrincou o desfile de Agolada. A comitiva saiu do colexio público para percorrer as rúas ata chegar á Praza do Concello, onde os grupos fixeron pases para o deleite do público. Avespas, mariquitas e fichas de dominó convivían con princesas, piratas e outros personaxes xa típicos do Entroido. Incluso había algún veciño ataviado coas vestimentas dun Xeneral, imprescindible dos entroidos de concellos limítrofes como Vila de Cruces ou Silleda.

O certo é que a presenza da natureza no Entroido é un tema que se repite dende que esta festa é tal. E quedou demostrado á hora de repartir os premios do desfile de Rodeiro. En carrozas gañaron, por esta orde, Salón do Oeste, Blancanieves y los siete enanitos e Arroz con bogavante de Casa Sánchez. En grupos de adultos, os mellores foron A Carballeira, A Primavera de Camba e Camba Libre, mentres que en nenos triunfaron Reinas de colores, As flores de Camba e Agroganadería Nabaja (sí, con b). Ademais, na categoría de individuais os mellores de adultos foron Coach de La Voz, A Colada e Vaia par de chanclas, mentres que en infantil impuxéronse Parella de loros, Mariposas noticieras e Mary Poppins e os limpiachimeneas.

Premios da hostalaría

Por outra banda, os oito locais de Lalín que organizaron un concurso de disfraces deron a coñecer onte ós gañadores. En individual, o primeiro posto (100 euros) foi para un Modelo Victoria`s Secret, seguido de Lobezno (50 euros) e Raffaella Carrá (unha consumición por local). En grupos, gratificouse a Todos somos arte (600 euros); Vikingos (250), e Keany West y Kim Kardashian (100).

En canto ao desfile do sábado polas rúas da vila da Bandeira, en Silleda, na categoría de comparsas e carrozas as mellores foron, por esta orde, Eurovisión, Herederos de Dios, Boney M e Pica Piedra.En individual clasificáronse Os Gorilas, La posesa e Selvamedelix. O premio á mellor charanga recaeu en Brassbandeira.