É unha historia sobre as inxustizas e o poder, que usa a metáfora do arcabuz - a primeira arma que usaba a pólvora e que se introduciu polos nobres durante a Revolución Irmandiña- e no que a danza e o baile tradicional galego son o eixo do espectáculo.

Quique Peón Cía presentará o sábado 11 de marzo en Vigo o espectáculo "O Poder do Arcabuz", que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media.

Trátase dun musical que combina a danza tradicional e contemporánea en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.

O espectáculo "é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo", explica Peón, "trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas".

A compañía Quique Peón e o Grupo de Música e Baile Tradicional "Xacarandaina" xuntáronse para facer esta peza "unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega", aseguran. "O Poder do Arcabuz" fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto contemporáneo. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa: A Revolta Irmandiña, que foi derrotada finalmente polos nobres, que traían o arcabuz.

A obra poderá verse o 11 de marzo (21.00 horas) no Auditorio do Mar de Vigo ao prezo de 14 euros.

Na obra amosaranse diferentes movementos e expresións de danzas, bailes, músicas, cantos e coreografías, moitas delas medievais (de espadas, de arcos, de paus, de cintas, de reis, de dongas e galáns...), empregando un amplísimo abano de movementos folclóricos que evolucionarán até os nosos días e que servirán para relatar o que se quere contar en cada momento.

Sen embargo, a danza contemporánea tamén estará presente na obra, non tanto na súa linguaxe como no seu concepto, pois é un estilo que foi creado para expresar os sentimentos e reexaminar os principios fundamentais da danza como medio de comunicación.

A música, dirixida por Pedro Lamas, será un eixo fundamental do espectáculo e fusionará a música tradicional e a culta, facéndo énfase na do medievo, creando bases contemporáneas e étnicas utilizando música instrumental, de percusión e vocal (solista e coral).

"O Poder do Arcabuz" é, resumen, un espectáculo concibido como un musical de estrutura compostal de diferentes escenas que se irán sucedendo, unha tras outra, a modo de actos, ao estilo dos antigos ballets románticos.