SUSANA REGUEIRA | PONTEVEDRA

O centro social de Afundación de Pontevedra acollerá hoxe a partir das 20.30 horas a representación de "Martes de Carnaval" na recta final da xira deste espectáculo. Trátase dunha produción teatral do Centro Dramático Galego (CDG) escrita por Ramón María del Valle-Inclán que se interpretará por primeira vez en lingua galega no ano en que quedaron liberados os dereitos da súa obra.

Dez autores baixo a dirección de Marta Pazos integran o elenco. Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta danlles vida aos máis de 30 personaxes que suman "As galas do defunto" e "A filla do capitán", as dúas pezas que conforman a obra.

O primeiro destes esperpentos, "As galas do defunto", engaden os voceiros do CDG, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, "A filla do capitán" traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

A montaxe de Marta Pazos desenvolve "unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal.", indican os responsables do espectáculo.

Éstos engaden que Valle-Inclán desprega nestas pezas a súa capacidade satírica e acidez, "para conformar así un bodegón da mediocridade e corrupción de baixa estofa que imperaban nos altos estamentos políticos e militares. Isto é España, as miserias dos poderosos várrense debaixo da alfombra e aquí non pasou nada".

Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro Coti (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

As entradas para o espectáculos están dispoñibles a través das vías de comercialización habituais de Afundación: na web Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.