A visita aos centros educativos de Cangas comezou a media mañá no Compañía de María, donde os alumnos fixeron nas últimas semanas traballos sobre o insigne escritor, e aproveitaron para mostrarllos en directo, nun salón de actos ateigado. Un video con música de fondo en directo, o recitado dalgunhas pasaxes das "Memorias dun neno labrego", unha das súas obras máis coñecidas, ou a conversa cos cativos protagonistas foron algunhas das actividades incluídas no programa.

Ao rematar, Xosé Neira Vilas –un fillo de labregos que naceu en Gres, na Vila de Cruces, hai 83 anos, que pasou parte da súa vida como emigrante na Arxentina e Cuba, autor de obras da sona de Cartas a Lelo, Aqueles anos con Moncho ou Contos vellos pra rapaces novos, e con numerosas distincións literarias– trasladouse ao Ceip de San Roque, Darbo, onde o agardaban máis dun cento de rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º cursos de Primaria (de nove a 12 anos de idade) que tamén traballaron previamente nas aulas sobre a súa obra e puideron coñecer da súa voz. as experiencias que o inspiraron.

O convidado contou que, cando era neno, só ían á escola os días de choiva, porque cando había bo tempo facían falta para traballar a terra. "E menos mal que chovía moito", alegrouse, porque así era máis habitual o contacto coas aulas. Os cativos de San Roque quixeron saber se era verdade ou ficción iso de que os pais batían nos fillos mesmo con cordas, coma no centeo, e Neira Vilas explicoulle, con moito humor e enerxía, os contrastes do mundo no que agora viven coa sociedade rural de hai medio século.

Relatoulles tamén algunhas anécdotas da súa estadía en América, a donde partíu en 1949 en busca de sustento, con a penas estudos primarios, e alí tomou contacto con ilustres galeguistas ou casou coa escritora Anisia Miranda.