Achégase o Día das Letras Galegas, o que significa que os veciños de Moaña xa se preparan para acudir á Illa de Samertolaméu a gozar dunha xornada de cultura popular e boa gastronomía. A fin de semana anterior á conmemoración do día adicado á producción literaria na lingua propia de Galicia, o colectivo cultural Meiramar-Axóuxeres organiza a oitava edición da Feira Tradicional ARTEnaILLA que atraerá a miles de veciños ata o adro desta capela de Meira.

Este ano a cultura galega se mesturará coas tradicións propias da illa portuguesa de Madeira, que terá unha forte presenza na illa. Entre as novidades máis destacadas atópase o chamamento dos organizadores a que os veciños acudan vestidos como se facía a comezos do século XX para recrear o ambiente das feiras antigas. "Non é preciso mercar nada, cun pantalón de pana, un chaleco, unha boina ou gorro e unha camisa de liño xa se pode recrear a vestimenta de fai un século", apunta o presidente de Meiramar-Axóuxeres, Uxío Piñeiro. Para apoiar a festa acudiu á presentación a familia do municipio que gañou no reality da TVG "1906".

Os actos festivos desenvolveránse o domingo 13 de maio e o seu prato forte será o Concerto, ás 20.30 horas, do grupo de música popular de Madeira "Banda d´Alem". E arrincan ás 12.00 horas do mediodía cun pasarrúas e animación. O grupo de baile da asociación organizadora tomará o relevo ás 10.30 horas cunha actuación que servirá de ponte ata a chegada do pregoeiro, que será o presidente do Coro de Cámara de Madeira, Vitor Luís, como forma de agradecemento pola boa acollida que tiveron as actuacións que esta coral fixo no Morrazo en setembro.

Unha vez exaltadas as excelencias da cultura autóctona as pandereteiras e gaiteiros de Meiramar acompañarán coa súa música a sesión vermú, onde os presentes poderán degustar productos típicos coma o polbo, a empanada ou os ovos fritidos con pan de millo.

Xa pola tarde, e coa intención de baixar a comida, haberá un baile con música de acordeóns. Pouco despois chega o momento literario deste ano, que consistirá nun encontro co poeta Daniel Costas, no que dará as claves sobre a súa última publicación e sobre a súa obra, que xa lle fixo gañar varios premios de prestixio.

Unnha mostra de fiado no Museo das Carreiras precederá á celebración, a partires das 18.30 horas, do xa clásico Festival Internacional de Folclore Infantil. Actuarán os nenos de Meiramar-Axóuxeres e os do grupo Os Vareirinhos, chegados dende a cidade portuguesa de Matosinhos.

Parada en Moaña nunha xira por Galicia

Banda d´Alem é un dos grupos máis recoñecidos de música tradicional madeirense. Actuarán pechando o cartel de ARTEnaILLA no marco da súa xira por distintos puntos da xeografía galega. Esa mesma semana actuarán co grupo Quempallou no Teatro Principal de Pontevedra nunha das actuacións do conxunto galego para presentar o seu novo disco "Vellas Novas".

Xogos para os pequenos

Os nenos que acudan á feira poderán realizar distintas actividades e obradoiros. Pois haberá monitores de tempo libre que se encargarán da diversión para os máis pequenos ao longo da xornada.