O ciclo de cine itinerante de Gas Natural Fenosa está percorrendo varias localidades de Galicia durante este verán coa intención de achegar o cinema ao público de a pé. Entre os múltiples filmes que se proxectan nesta iniciativa atópase "2 francos 40 pesetas", segunda parte de "1 franco 14 pesetas" do director Carlos Iglesias. Trátase da última entrega dunha triloxía na que o autor trata de representar a emigración española. Isabel Blanco, que está á espera de estrear en outubro a serie Casa Manola na galega,actua no filme interpretando a Hanna, unha muller suiza propietaria da pensión na que se aloxan os españois.

- A historia de "2 francos 40 pesetas"

-Penso que unha película coma esta, de comedia total, que trata o tema da emigración, proxectada nunha vila coma Lalín provoca, sobre todo, que o público se sinta moi identificado. Con "2 francos 40 pesetas" a xente vese reflectida porque encontra lugares, vivenzas e memorias comúns. Cambiar de país leva consigo que se produzan moitas anécdotas e a película conta moitas delas, sempre con moito humor e comedia. Os protagonistas son uns españois que volven a Suiza no 74 en calidade de turistas e despois de vivir aló como emigrados, entón choca a forma de vida da España colorista e folclórica da época, coa de Suiza, máis pausada. O filme mostra estes contrastes e ilustra os diferentes momentos vividos polos protagonistas con todo luxo de detalles. A xente identifícase e por iso lle adoita gustar moito.

Entón estamos ante unha historia que lle puido haber pasado a calquera.

-Si, por suposto. A longametraxe está chea de personaxes e detalles da vida real. As historias existiron e incluso se reproducen diálogos de maneira íntegra. O director, Carlos Iglesias, tamén estivo en Suiza. É unha persoaxe máis da emigración que sabe moi ben como se desenvolven os acontecementos nestas situacións.

-Vostede tamén naceu no país dos cantóns, polo que o papel de Hanna lle debeu resultar ideal.

-A verdade é que estivo moi ben, principalmente porque me deu a oportunidade de actúar noutras linguas. Interpretei o papel en suizo-alemán, que vén sendo italiano con acento xermánico.

-A primeira parte do filme toca, especialmente, aspectos emocionais. ¿Por que a segunda pasou a ser unha comedia pura?

-Na primeira Carlos quixo reflectir a súa propia historia, pero agora, en época de crise, pensaría que o que necesita a xente é rir.

-A crise no mundo do cine propiciou que moitas vilas se quedasen sen ningunha sala de proxeccións; entre elas precisamente Lalín. Neste senso, ¿que importancia poden acadar iniciativas como a de Gas Natural?

- O ciclo de cine itinerante é unha idea que debe ser moi aplaudida, porque achega o cinema ao espectador cando este está desaparecendo de moitos lugares. Estas iniciativas deberían de ser máis periódicas para que a xente fose collendo hábito e tamén para que os que creamos os filmes poidamos achegarnos ao público. Está claro que á xente lle gusta moito o cine, pero por desgraza, moitos non poden desfrutar del. Por iso é importante seguir con ideas coma esta e para iso debería de haber máis apoios que as fagan posible. Considero que é unha iniciativa a aplaudir, que ademáis abre unha ventá ao noso traballo.

-¿Nas súas visitas a vilas como Lalín recibirá mostras de afecto, sobre todo da xente que pode identificarse coa súa personaxe ?

-Si moitas.En Lalín xa estiven noutras ocasións. A xente é espectacular comigo. Son moi querendeiros e moi cercanos. Por iso penso que o ciclo de cine é unha iniciatva fantástica, porque nos permite contactar co público e iso é algo que a min sempre me gustou moito. Encántame tratar con eles e ver a cara que poñen durante a proxección dunha película.