Os amantes da boa gastronomía están de en hora boa. Ata o vindeiro domingo poderán gozar dos sabores máis auténticos das nosas rías, achegándose ao porto do Berbés para participar na X Festa do Marisco de Vigo.

Os mellores froitos do mar, que capturan e comercializan os viveiros instalados no recinto portuario, seica o mellor marisco do mundo, convértese durante estes días no protagonista dunha celebración gastronómica que, a pesar das dificultades económicas do momento, cumpre a súa décima edición.

Vigomar 2012 é unha proposta apta para todos os gustos e presenta opcións para todos os petos, xa que ofrece unha variada e ampla carta de especialidades a prezos moi accesibles. Os tickets para acadar as distintas variedades de marisco póñense á venda das 12 do mediodía ás catro da tarde, e dende ás sete e media ata o peche.

Nesta edición os prezos mantéñense e incluso baixan con respecto a anos anteriores, coa idea de que as especialidades de Vigomar resulten accesibles a todas as economías. Así, por 3 euros xa é posible mercar unha nécora, un doce ou unha ración de 3 filloas. Por 3,50 poden degustarse racións de empanada de mexillóns, carne e bonito. Para aqueles que queiran probar a empanada de zamburiñas, vieiras, boi, polbo, choco ou xoubas, este ano mantense o prezo da ración en 5 euros, mentres que as de lumbrigante e centola son a 6.

Nesta Festa do Marisco de Vigo tamén poden adquirirse pementos de Padrón a 4 euros ou vieiras á galega a 4,50 euros por ración. Por 5 euros podemos levar unha ración de mexillóns ao vapor, mentres que 6 zamburiñas á prancha custan 5,50. Un prato de arroz de mariscos ou uns croques ao vapor con cazola de recordo custan 6 euros.

A carta de especialidades desta décima Festa do Marisco de Vigo aínda ten outras opcións para elixir. Ademais de ofrecer un "menú infantil" por 6 euros, atopamos espetadas de zamburiñas e lagostinos á prancha, chipiróns con patacas fritidas, navallas á prancha, lagosta á grella€

Non podían faltar nesta carta de degustación, tamén cun importe moi axustado, os percebes da costa de Baiona ou as cobizadas mariscadas do Berbés. A "grande", ideal para catro persoas, inclúe 4 racións de lagosta, 4 nécoras, 16 quilo de cigalas e 16 lagostinos. O seu prezo é de 40 euros. A "mariscada mediana", preparada para dous comensais, leva 2 racións de lagosta, 2 nécoras, 8 cigalas e 8 lagostinos, todo por 20 euros.