XAN SALGUEIRO | LALÍN

A primeira edición do evento gastronómico Lalín con gusto -organizado polo Concello a través do departamento de Turismo- arrincou onte cunha gran acollida por parte do público baixo a carpa instalada na Praza da Igrexa. Ao longo de todo o día, foron centos as persoas que se achegaron a gozar da cociña en vivo, das catas e das degustación ofrecidas polos cociñeiros, restauradores e hostaleiros que participaron na primeira xornada do evento, que foi inaugurado coa presenza do alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e dos concelleiros Francisco Vilariño (Turismo) e Teresa Varela (Facenda).

Os fogóns acendéronse ás once e media da mañá, con Xan Martínez, da Taberna A Lareira, e Ana Buján, do Restaurante Asturiano, que fixeron as delicias dos presentes coa proposta conxunta Doce&Café. Elaboraron e deron a degustar diferentes tipos de café (só, con leite, capuccino...), acompañados por suculentos doces (trufas, caramelos, torta e mus de requeixo). Nada mellor para entrar en calor nunha xélida mañá de inverno lalinense.

Contra as 12:30 horas foi a quenda do cociñeiro convidado nesta edición, o moderno e televisivo André Arzúa. O chef afincado en Allariz "reinterpretou o clásico" cun prato a base de cachucha e diferentes salsas. O cocido de Lalín foi o protagonista da tarde coas diferentes "diversificacións" do prato que elaboraron os cociñeiros locais, Davinia Rielo (Restaurante 4 Camiños), Alberto González (Casa Currás), Álex Iglesias (Cabanas), Diego López (La Molinera) e Diego López Dapena (mestre da Escola de Hostelería de Sober).

Lalín con gusto continúa hoxe, xornada de feira na localidad, polo que se agarda unha importante afluencia de persoas. A carpa abrirase a partir das 11.00 horas, coas propostas Cociña galega en miniatura, por Alberto González (Casa Currás), e Petisquiños Gourmet, con Patricia Galego, do Bodegón A Cunca, e Belén López, do Gastrobar Doña Maruja. Pechará a cita unha demostración de coctelería por parte de Xaime Rodríguez Trigas, do Café Bar Kubos.

O concelleiro de Turismo destacou onte no acto de inauguración que Lalín con gusto nace "para poñer en valor a calidade e variedade do noso produto e, por outra banda, a calidade dos nosos restauradores". O edil agradeceu publicamente a involucración de todos os participantes para facer realidade esta iniciativa. Finalmente, puxo de relevo o esforzo do Concello de Lalín para que este evento sente base de cara a vindeiras edicións coa finalidade de seguir difundindo ao máximo a hostalería e os produtos lalinenses.

Pola súa banda, o alcalde resaltou "a explosión da hostalería que está vivindo Lalín, como un sector puxante que tira por outros sectores", motivo polo que reafirmou "a aposta" do goberno que preside "por diversificar a oferta turística a través deste tipo de iniciativas".