Bueu festexa as Letras coa Romaría de Bon e os Premios Johan Carballeira como faros

Sánchez Cidrás presentará o seu libro “Alcaldes para un pobo: Bueu 1812-2014”

De esquerda a dereita: Pablo Portela, da Asociación Veciñal A Morada de Meiro; o investigador Arturo Sánchez Cidrás; a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García; o secretario da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Xosé Novas; e o directivo do CineClub Bueu Afonso Fernández, hoxe diante do monumento na honra a Johan Carballeira.

De esquerda a dereita: Pablo Portela, da Asociación Veciñal A Morada de Meiro; o investigador Arturo Sánchez Cidrás; a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García; o secretario da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Xosé Novas; e o directivo do CineClub Bueu Afonso Fernández, hoxe diante do monumento na honra a Johan Carballeira. / Gonzalo Núñez

Música, teatro, cinema, presentacións literarias e a Romaría das Letras Galegas. Un amplo abano de actividades que abranguen a presenza do galego en todos os ámbitos artísticos e que forman parte da programación do Concello de Bueu e dos colectivos da vila para festexar o Día das Letras Galegas. Unha programación que foi presentada onte ao pé do monumento na honra a Johan Carballeira, unha figura especialmente presente nestas datas a través da entrega dos premios de poesía e xornalismo que levan o seu nome.

A concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, agradeceu a colaboración dos colectivos sociais da vila e destacou que grazas a ese traballo conxunto ponse en valor o galego nos diferentes eidos da creación artística. Tras a celebración este martes do Correlingua, que contou con máis de 1.500 nenas e nenos de centros educativos da comarca, as actividades voltan esta fin de semana. O domingo,a partir das 18.00 horas na aldea de Meiro coa Asociación Veciñal A Morada, haberá un concerto de Xavier Blanco baixo o título de “Literatura afinada” e a presentación do libro “De costumes e agoiros do Mar do Norte”, de Xosé Daniel Costas. O remate contará cunha actuación musical con Cantadela de Meiro e Os Palleta Mollada.

Na propia véspera das Letras Galegas o investigador e experto en historia local de Bueu Arturo Sánchez Cidrás presentará o seu libro “Alcaldes para un pobo: Bueu 1812-2024”, un traballo que xa presentou o pasado verán dentro das xornadas O Mar por Diante e que agora vén de ser editado polo Concello. A presentación será ás 20.00 horas no Centro Social do Mar.

A xornada do 17 de maio estará reservada para a XXIII Romaría das Letras, que será no adro de Sanamedio e que incluirá a música dos Liboreiros, recitais e un contacontos ilustrado e musicado ao redor da figura de Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Unha das actividades do ano pasado na Romaría das Letras Galegas de Bon, no adro de Sanamedio.

Unha das actividades do ano pasado na Romaría das Letras Galegas de Bon, no adro de Sanamedio. / Gonzalo Núñez

O sábado 18 de maio terá un marcado carácter musical. A Coral Polifónica Marusía organiza o seu concerto de corais e que reunirá no Centro Social do Mar a Coral Polifónica Areas Gordas de Coiro, Coral Polifónica Val do Fragoso de Vigo, Coral Polifónica Santa María A Digna de Portonovo e a propia coral organizadora. Será no Centro Social do Mar ás 20.00 horas.

Este mesmo día desembarca en Bueu a xira do vixésimo aniversario do grupo Dakidarría, cun concerto gratuíto na carpa que estará instalada no aparcamento de As Lagoas. A actuación, que forma parte do programa + Música da Deputación de Pontevedra, está prevista a partir das 22.30 horas e terá continuidade cun Dj.

O domingo 19 de maio será a turno do teatro, coa obra “Made in Galiza” de Sarabela Teatro, a partir das 19.00 horas no Centro Social do Mar.

Un dos actos máis relevantes desta programación é a entrega dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo, que este ano recaeron en Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez. Será o sábado 25 de maio no Centro Social do Mar ás 12.00 horas. Ao rematar representarase o espectáculo “Indóciles”, con Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica De Nut.

A programación tamén ten espazo para o cinema e as presentacións literarias. O Cineclub Bueu organiza un novo ciclo de cinematográfico en galego e no que o venres xa proxectou “O Corno”, premiada no Festival de Cine de San Sebastián. Este venres será o turno de “À procura da Estrela”, o día 24 proxéctase “Eroski Paraíso” e o 31 péchase con “A viaxe de Leslie”. No tocante aos eventos literarios organizados pola Librería Miranda, onte presentouse “Un anarquista”, de Diego Ameixeiras, e o próximo mércores a convidada será Sara Vila co seu libro “O incendio”, ás 19.30 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar.