Ángel Vila | Vigo

Como parte da cultura celta de Galicia, as lendas sobre feitos paranormais e de misteriosas bruxas e trasgos do alén mundo dominan a cultura popular. Neste contexto, os chamados "rastrexos" preséntanse como unha evolución natural destas lendas adaptadas ao século XXI e co fin último de pasar unha noite de diversión cos amigos. Trátase de realizar unha xincana por equipos que percorren os montes á media noite superando distintas probas ambientadas en lendas de terror.

Este tipo de "rastrexos" gozan dunha gran popularidade na comarca do Condado, pero estanse a espallar cara os concellos veciños de Mos ou Redondela. Para a Real Academia Galega un rastrexo consiste na "acción de rastrexar o camiño seguido por un paquete de datos en Internet". Porén, aquí adquire un significado moito máis tradicional.

"Empezamos falando do rastrexo que se facía seguindo un compás e ó pouco engadimos factores como probas de habilidade e ambiente terrorífico", explica Belén Uchas, unha das organizadoras do Rastrexo de Fozara, en Ponteareas.

É na ambientación onde os organizadores do rastrexo de Arantei-Porto atopan un dos maiores atractivos, xa que a xente que participa séntese "atraída polo medo". Coincide tamén José Luís García do CSDC Chan das Pipas de Saxamonde, Redondela, que este ano organiza o segundo rastrexo: "A maioría veñen buscando pasar un rato de tensión; no fondo, o medo é a salsa do rastrexo".

Estas actividades realízanse sempre durante a noite polos montes da comarca. "Procuramos que o percorrido discorra polos camiños máis escuros e estreitos, ademais de pasar por pozas, regatos e montes", sinala Belén Uchas.

Aínda que existe o factor competición -os primeiros clasificados reciben unha recompensa simbólica-, no rastrexo de Fozara organízano como "un xogo de convivencia no que a xente desfruta do decorado, dos xogos e das probas". José Luis, de Saxamonde, engade que tamén "é unha maneira de dar a coñecer o patrimonio natural da parroquia". En definitiva, "a idea é achegar á xente a esta actividade, facer que o pasen ben e que queden con ganas de repetir", afirman dende Arantei.

Rastrexo de Fozara

Nesta parroquia de Ponteareas levan nove anos achegando as lendas de terror ás noites de verán. O percorrido é de 8 quilómetros con diferentes tipos de actividades que buscan a "participación de todos os membros do equipo, que se organicen e se compenetren". Durante dúas horas de camiño -unha para os máis rápidos- os equipos, formados por entre 6 e 12 persoas, pasarán por diferentes probas que os organizadores levan preparando dende fai máis de tres meses, cun éxito extraordinario. "O ano pasado tivemos máis de 700 participantes e este ano contamos pasar dos 900", aseguran. Todo, con máis de 100 persoas traballando "sen ningún tipo de recompensa máis que o agradecemento dos participantes".

Rastrexo de Arantei-Porto

Ó contrario que o rastrexo de Fozara, que ten unha longa experiencia, nas parroquias de Arantei e Porto -Salvaterra do Miño- comezan este ano a aventura de organizar esta actividade nocturna. "Saíu dunha loucura e tivemos que organizalo nun mes e medio", comentan. Cun recorrido de 10 quilómetros esperan que o traxecto e as probas duren como máximo tres horas nas que haberá tanto probas de habilidade mental como física. Nelas, os xogos nos ríos tamén estarán presentes, aínda que "dentro do emocionante, sen chegar ó perigoso".

O rastrexo aínda non abriu as prazas de preinscrición online que se farán a través das redes sociais e correo electrónico, pero esperan cubrir os 40 equipos que ofertan como máximo.

Rastrexo de Chan das Pipas, Saxamonde

En Chan das Pipas repiten por segundo ano a celebración dun rastrexo nocturno pola parroquia. O primero realizouse o 1 de novembro do ano pasado mentres que este ano terá lugar este mesmo venres.

A ruta, que permanece en absoluto segredo, transcorre por 8 quilómetros nos montes comunais de Saxamonde. Este ano esperan, alo menos, chegar ós 120 participantes da pasada edición. Os interesados deben acudir en grupos de entre 2 e 10 persoas e inscribirse no Centro Cultural Chan das Pipas a partir das 20.00 horas.