A Asociación de Vecinos Santa María e a Escola de Xadrez de Pontevedra proxectan crear un roteiro do xadrez na rúa co que ampliar cada 17 de maio o Festival das Letras ata outros puntos da zona vella. "Levamos anos colaborando e pretendemos fomentar estas celebracións cunha nova ruta que estenda as actividades a outras prazas", indica Pilar Señoráns, do colectivo veciñal.

Pablo García, da Escola Xadrez, destaca que un dos proxectos "é trasladar o xadrez xigante a Curros Enriquez, unha praza onde habitualmente a escola ten actividade". A semellanza doutros países europeos, solicitan que "o xadrez esté nas prazas" de xeito habitual.

A primeira proposta: facer un caixón na praza de Santa María baixo os actuais asentos (que onte facilitaron que centos de xogadores pasasen para disputar as partidas simultáneas de xadrez) que facilite gardar as pezas cando non se empreguen.

Polo demais, o Festival de Xadrez Dia das Letras Galegas volveu ser un punto de encontro no que practicar con mestres internacionais da Escola de Xadrez de Pontevedra e con novos valores da canteira deste centro.

Os máis pequenos foron os convidados de excepción nun taller infantil para iniciarse no mundo das 64 casillas. Empregaron un xogo realizado "no curso 1997-98 pola Facultade de Belas Artes", explica Piñar Señoráns, que anuncia que se solicitará ó centro universitario que o actualice "restaure e poña os nomes en galego e castelán, xa que temos a idea de ampliar o festival ó sector turístico".

De feito onte unha parte dos asistentes foron foráneos, como explica Pablo García: "En Europa é habitual que o xadrez esté nas prazas, viñeron moitos veciños pero tamén turistas, como un grupo de franceses que se sumou ás partidas, o espíritu é popularizar e darlle cabida a todos".

A todas as veciñanzas e idades, porque onte sentaronse no Festival de Xadrez pequenos de 4 anos e veteranos de 70. "O xadrez non ten idade", precisa o voceiro da escola pontevedresa.

E co xadrez, o outro actractivo onte na praza de Santa María foi a exposición adicada a Carlos Casares. En dez paneis explicaronse temas como a súa infancia, as conversas con amigos, o seu interese pola literatura infantil, así coma os seus ensaios, traduccións ou textos xornalísticos".

Ademais de recibir medallas, no remate da festa os rapaces tiveron oportunidade de facerse con libros de Manuel María, Manuel Lugrís ou Castelao, entre outros autores.

Tamén foi animado o Día das Letras en Xeve, onde se celebrou unha andaina dunhas 3 horas ata o Pazo Gondar. Foi unha xornada poética na que se convidou ós asistentes a levar os seus libros para a lectura que se celebrou despois.

O centro cultural de Santa María de Xeve acolleu o xantar popular que celebrou a Asociación Cultural Sondexeve, organizadora do programa de actos da xornada.

Ésta continou cunha lectura dramatizada de homenaxe a Carlos Casares (da música correu a cargo a violinista Marina Hermida) e tampouco faltaron xogos populares para os máis cativos, o futuro (tamén) da nosa fala.