"A súa estancia en Beluso durante o verán de 1936 supuxo para ela un punto de partida para algunhas das series que posteriormente realizou en América: 'La religión del trabajo', 'Naturalezas vivas' ou os 'Retratos bidimensionales', están inspirados naqueles apuntos que ela tomara en Bueu e que están recollidos no Caderno de Bueu/Beluso". Esta foi a mensaxe de agradecemento transmitida pola familia da artista Maruja Mallo -os seus sobriños Elena e Antonio Gómez Conde- durante a inauguración dun mural conmemorativo na fachada da Casa do Pobo de Beluso. O Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra, impulsores da iniciativa, quixeron descubrir este traballo nunha data cargada de simbolismo: un 18 de xullo, aniversario do alzamento militar que levou á Guerra Civil.

"A data é unha escolla simbólica porque Maruja Mallo foi unha vítima máis do golpe fascista de 1936. Aquel 18 de xullo foi un día triste que puxo fin a toda a actividade cultural e artística que había na República", manifestou o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Xunto a el o alcalde de Bueu, Félix Juncal, que defendeu que o mural da Casa do Pobo "vainos permitir lembrar e visualizar o que foi un Bueu moi diferente ao que temos a día de hoxe".

O mural foi pintado polos integrantes do colectivo Polo Correo do Vento -Carlos Taboada e Enrique Mauricio-, que explicaron que o "estilo infantil" da pintura débese a que a ilustración escollida forma parte do seu libro "Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo". O debuxo mostra a artista na acción de pintar xunto a tres recoñecidos persoeiros: o alcalde e poeta Johán Carballeira; o fotógrafo José Suárez, que estivera en Bueu traballando na serie "Mariñeiros"; e o debuxante, pintor e publicista Federico Ribas, que traballara para Massó. "Queremos reivindicar que o golpe do 36 non rematou con eles, senón que os engrandeceu e temos que recuperar a súa memoria. Eles non enterraron cadávares, senón que enterraron semente e por ese camiño temos que continuar", argumentaron os autores do mural. Xunto a eles estaban tamén a directora do Museo Massó, integrantes da Asociación Amigos de Johán Carballeira e membros da Asociación Alfombras Corpus Bueu.

A elección da fachada da Casa do Pobo tampouco resposta ao azar. Félix Juncal manifesta que se escolleu este edificio "porque foi levantado pola veciñanza de Beluso e esta é tamén unha maneira de homenaxear aos seus veciños e poñer de manifesto a relevancia desta parroquia na vida social e historia de Bueu". Sobre esta mesma idea pronunciouse Xosé Leal, que afirmou que naquela época a praia de Beluso "tiña a maior concentración de artistas por metro cadrado".

Maruja Mallo chegou no verán de 1936 a Beluso xunto ao seu compañeiro, o sindicalista Alberto Fernández "Mezquita". Con motivo da Guerra Civil exilase en América e leva con ela os apuntes e traballo que fixera en Bueu. É o coñecido como "Caderno de Bueu/Beluso" ou "Caderno de Galicia". Un traballo que todos os expertos consideran como fundamental á hora de desenvolver o seu posterior estilo como artista.