Son personaxes coñecidos polo público galego que agora se transforman para integrar "O Clan dos Impostores", o novo programa de espectáculo que a TVG estrea esta noite, ás 22.00h, na súa aposta polo "talent show", cun formato innovador onde cinco famosos galegos compiten en distintos retos, a proposta do cidadán galego, ante un esixente xurado e o veredicto do público presente.

Presentado por Belén Xestal e Rafa Durán, expertos mestres de cerimonias, detrás de cada papel de impostor están María Mera (actriz), Pili Pampín (cantante), Óscar Pereiro (gañador do Tour de Francia 2006), Xacobe Pérez (humorista) e Lito (líder da orquestra Panorama), que visitarán lugares de toda Galicia para vivir durante unha xornada unha experiencia singular. E por que son impostores? Pois porque terán que desenvolver un exercicio creativo de inmersión na realidade galega para facer algo que non é o seu, compartindo unha xornada de traballo cun cidadán galego. Entre os retos poden figurar oficios e ocupacións de calquera sitio, acontecementos do calendario galego, como festas e feiras; eventos deportivos e privados, como vodas e comuñóns, e probas ideadas pola audiencia.

A proposta do público, cada programa lle asignará ao impostor unha misión ou reto, que deberá cumprir, e en cada experiencia os impostores deberán convencer a un personaxe anónimo da contorna para que asista ao programa e interveña como "Padriño" no proceso de votación cunha alegación ao seu favor. Os detalles da experiencia servirán para dar letra á canción e ao número artístico que o impostor terá que presentar e defender no programa, diante do xurado.