Jueves, 18 Julio 2019

Noticias | Agenda

Moaña volve á vista atrás

A Reitoral de San Martiño acolle dende o venres unha exposición sobre a historia local con motivo das festas
07-11-2012 08:10
0 votos
Pía románica que estivo na igrexa de San Martiño.

Pía románica que estivo na igrexa de San Martiño.

Nos comezos deste ano, conseguiuse unha copia do primeiro documento, que ata o de agora é coñecido, no que aparece o topónimo "Moaña"; procede do ano 1306 e nel, como fora salientado no Faro de Vigo do pasado un de abril, pódese ler a frase, "Fliiguesía de San Martiño de Moaña", na lingua galega primitiva; deste xeito xurde unha nova entidade de poboación, político - relixiosa, nacida cara ós anos finais do século XII no intre en que foi bautizado unha persoa que ben puidera levar o apelativo de primeiro moañés. A evolución do idioma deu lugar ó troque de fliiguesía por freguesía, co mesmo significado de fillos da igrexa, neste caso, da de San Martiño que con anterioridade, no 1237, cítase en latín como "Ecclesia de Sancti Martini de Moania".

Precisamente a pía románica, na que tivo lugar ese bautizo, foi substituída en 1803 pola actual, de maior diámetro, percorrendo logo un itinerario curioso por terras próximas á devandita igrexa onde se debeu romper, sendo trasladada despois, nun carro, ó quinteiro dunha casa labrega; nel, durante moitos anos, déuselle o uso de pedra afiadora de todo tipo de ferramentas agrícolas e domésticas: fouciños, fouces, machadas, coitelos, etc. Seu itinerario rematou, de momento, nun fermoso xardín, onde foi fotografada co permiso da súa dona.

O veciño de Abelendo, Gerardo Gayo, tamén durante o ano en que nos encontramos, tivo acceso a un mapa no que se describe un recuncho de Moaña; trazouse en 1754, a instancias do mosteiro de Oia, co obxecto de subliñar os predios que lles arrebatara o conde de Maceda nos lugares de Sanchelán, Carrachal, Outeiro de Sabaceda, etc. O mapa, primeiro que ata o de agora se coñece sobre a freguesía, está depositado no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, logo de empregarse no xuízo que rematou con sentencia favorable ao citado mosteiro.

As citadas: escritura medieval, pía románica e mapa, forman parte da exposición, fotográfica - documental que, baixo o patrocinio do Concello de Moaña, estará aberta no patio da Reitoral, mañá e tarde, coincidindo coas festas de San Martiño, dende as nove menos cuarto da noite do día 9 de novembro en que se inaugura a través dun acto que se pode considerar como pórtico cultural delas. Nel intervirá o autor, que asina este artigo, e un representante municipal que patrocina a mostra. Para amenizalo, actuarán grupos de cámara de alumnos da Escola Municipal de Música, acollida na propia Reitoral da que é director David Santiago. A exposición continuará mostrándose un mes máis, todas as tardes, durante o horario da devandita Escola.

A exposición, artellada en 15 paneis, baixo o título de "A Moaña que xa se nos foi", comeza coa descrición dun machado do 75 milenio antes de Cristo, atopado preto do Penedo da Pena, continúa con mostras do Neolítico, cultura castrexa e invasión romana, na que se destaca un muíño circular de man, procedente do antigo cemiterio que puidera estar con anterioridade no Castro, separado da Reitoral por un anaco da súa antiga muralla; segue coa formación de vilas e aldeas a partir do século IV; a creación da parroquia do Morrazo no VI e a súa división en freguesías no XII e XIII. Sobre o nacemento de Moaña no XII, ademais da citada pía bautismal, pódense ver fotos das seis igrexas, cabezas de outras freguesías do Morrazo, que aínda conservan súa estrutura orixinaria no estilo románico: Moaña, Hío, Cela, Santomé de Piñeiro, Sta. María do Campo e Tirán.

Pásase logo a describir o desenvolvemento da freguesía moañesa, comezando por outro recuncho da muralla do citado Castro, posible orixe do topónimo de Moaña, que segundo algúns expertos puidera provir do latín e significar "lugar de moas", aínda que outros, remontan súa orixe a unha verba indoeuropea equivalente a "lameiro". De calquera das dúas acepcións hai pegadas no citado castro e no adro alto do templo, separados por un foxo artificial defensivo, construído polos seus antigos poboadores.

O catastro do 1752 reflicta que a meirande parte das pouco máis de 450 casas que había daquela na freguesía eran de tipo terreño, cuxa superficie non pasaba dos 30 m2, aínda que facían algunhas alongadas de 50; soamente un 24 %, dispoñían dun andar con cociña terrea. Os moañeses da época, labregos na súa meirande parte, seguían a máxima de "Casa canto quepas, terra canta vexas" que explica a existencia de tres únicas vivendas con mais de 100 m2. de superficie: os pazos do Rosal, Paxarín e o dos abades ou Reitoral.

Aínda que difíciles de atopar, móstranse fotos de máis de 20 construcións centenarias de todos os modelos salientados, ata chegar ó ano 1912 en que foi rematado o chamado daquela "Grupo Escolar de Quintela". Todas elas, en xeral moi ben restauradas, representan o núcleo da exposición que se complementa co desenvolvemento do mundo marítimo da banda sur da parroquia histórica, cruceiros, canastros, divertimentos nos muíños, esfolladas, feira de Abelendo e sobre todo no adro baixo onde se facían festas para honrar ós santos entronizados dentro do templo. Remata cos diferentes lugares onde foron sepultados nosos devanceiros: furnas de incineración neolíticas no Casal, chan da igrexa de San Martiño, nicho do Rosal no seu altar maior, adro alto e cemiterio achegado onde se enterrou dende 1833 ata o ano 1942 no que foi trasladado cara ó actual de Trigás. Neste derradeiro panel destaca unha foto dos anos 20 do pasado século, cedida polo Museo de Pontevedra á A. C. Nós de Moaña; nela óllase un camposanto cheo de sartegos en forma de casiñas que daquela representaban un xeito de enterrar exclusivo de Moaña e Bouzas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Encuentra los eventos de