Martes, 31 Marzo 2020

Noticias | Agenda

Berrogüetto representa este mes a Galicia no Celtic Connections de Glasgow

A banda galega actúa hoxe en Ourense e mañá en Vigo presentando a súa "Xira de andar por casa" - O grupo viaxará ó mítico festival escocés para actuar o 26 de xaneiro
03-01-2013 05:30
6 votos
Anxo Pintos, membro fundador de Berrogüetto, nunha foto promocional da nova xira.

Anxo Pintos, membro fundador de Berrogüetto, nunha foto promocional da nova xira.

As melodías da música galega volven un ano máis ó festival de música celta máis importante do inverno en Europa: o Celtic Connections de Glasgow. Dende o 17 de xaneiro ata principios de febreiro, actuarán Uxía, Carlos Núñez e Berrogüetto. Antes de marchar, esta última banda ofrecerá en Galicia varios directos da súa "Xira de andar por casa". O Auditorio de Ourense, a partir das 20.30 horas de hoxe; e o Teatro de Novacaixagalicia de Vigo, dende as 21.30 horas de mañá, serán –xunto a Pontevedra e Narón– os espazos galegos que gozarán da súa música antes de tomar camiño a Escocia.
O zanfonista, compositor e membro fundador da banda Anxo Pintos explicaba onte que esta "Xira de andar por casa" ten como única "convidada especial a recreación e reversionamento acústico de boa parte do repertorio máis emblemático, de temas que nos acompañaron ó ongo de 17 anos" de vida da banda.
O público que se achegue hoxe a Ourense e mañá a Vigo poderá coñece-las cancións chave da discografía do grupo de forma "máis íntima", entroncando coa filosofía dunha xira que trata de ubica-lo espectador no salón da súa casa para que disfrute dun concerto de música tradicional nun ambiente cálido.
É por iso que a coidada escenografía recrea unha hipótetica sala de estar durante dúas horas aproximadamente nas que tamén sonarán novidades como o tema "Nadal en Arcos", que presentaron o mes pasado tras recompilalo entre cantareiras e pandereteiras de Mazaricos, ou unha versión especial de "Cancro Cru" (Navicularia, 1997), segundo detalla Pintos.
Este músico recoñece que a actuación en Vigo ten un engado xa que o actual Teatro Novacaixagalicia foi onde ofreceron a súa primeira actuación. "Vigo é praza especial porque é a cidade que nos mirou nacer; onde estreámo-lo noso disco Navicularia. Ese teatro está relacionado con sensacións moi especiais", explica. Entre eses sentimentos lembrados, figura "a ovación de varios minutos que tivemos que cortar a base de insistir cando rematámo-lo primeiro concerto".
A banda, que se atopa xa argallando novo disco, que será o sexto da súa carreira, lembra que por mor da situación económica actual o único patrocinio co que conta para esta xira é "ir á taquilla"; é dicir, nutrirse da venda de entradas. "Ata o momento, estamos moi contentos con como marcha... É agora o público o que debe decidir si inviste co pago da entrada na existencia dos concertos e da música". O custe da mesma para Ourense e Vigo é de 15 euros.

"É un desastre desmantelar a cultura, que representa o 5% do PIB do país"

Anxo Pintos, membro fundador de Berrogüetto, alertou onte dos problemas do sector cultural galego cos recortes ó sinalar que "é un desastre e unha calamidade para un país desmantela-lo que representa o 5% do PIB; así como deixar de consideralo un sector estatéxico na economía. Iso demostra miopía política".
O músico engadiu que "agora parece que a cultura vén sendo un apéndice prescindible nuns momentos de austeridade que practicamente se están levando todo por diante. A cultura é algo do que se pode gabar un país, o que o pode poñer nun escaparate é o sector cultural, e neste caso falamos do folc. É un dos xéneros musicais e dos sectores culturais que teñen conseguido maior penetración internacional nestas tres últimas décadas".
Debido a estas circunstancias, a banda afánase en realizar xiras no exterior, especialmente en América. Na actualidade, traballan nun novo disco así como nunha banda sonora para unha película galego-arxentina despois de darse a coñecer en Estados Unidos coa Banda Sonora do filme The Way. "Se chegan agora moitos peregrinos a Galicia débese ó éxito desa película en EEUU", sentenciou Anxo Pintos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Encuentra los eventos de