Lunes, 21 Octubre 2019

Noticias | Agenda

Capitán Gosende ao rescate da Pontapedre

O plan de intervención consistiu en erguer dúas pezas do antepeito da ponte e na colocación dun anovado panel informativo
13-05-2013 22:00
19 votos
Peitorís derrubados.

Peitorís derrubados.

O sábado 4 de maio, refulxente primavera, membros do colectivo Capitán Gosende de Cerdedo acometeron outra das tarefas programadas para a presente campaña: a reparación dos peitorís da Pontapedre.

O mércores anterior, ao socairo dos soportais do pontevedrés Eirado da Leña, sede da tertulia semanal dos Gosende, déranselle as últimas voltas ao plan de intervención que, por mor dos nosos limitados medios, consistiría -nada máis e nada menos- en erguer dúas pezas do antepeito da ponte, xacando abatidas, e na colocación dun anovado panel informativo nas proximidades.

A tropa de Gosende beneficiouse, nesta ocasión, do entusiasta voluntariado de Pedro Peón, Manuel Fortes, Ignacio Grande e Calros Solla.

A maiores, rematado o labor prioritario, aproveitouse a xornada para decotar algúns cepotes de hedras e carballeiros que, canda outra vexetación desbocada, ameaza con botar abaixo a cachotaría do contraforte da face posterior (estrutura que precisa dunha urxente consolidación); rexistráronse as medidas da ponte e fíxose calco das marcas de canteiros, ben visíbeis -800 anos despois- nos perpiaños da face interior dos arcos.

Todos estes labores teñen por obxectivo dignificar e promocionar a contorna da ribeira do Lérez ao seu paso pola aldea do Serrapio, dándolles continuación aos emprendidos hai uns meses coa desbuberta e sinalización do pétreo antropomorfo do Coto das Insuas. A nosa breve estadía no Serrapio permitiunos comprobar os danos que un forte vento arremuiñado -un tornado- causou o pasado Nadal naquela zona: ducias de carballos fendidos ou arrincados de raíz. Non somos nada.

"A Pontapedre é unha construción medieval que data, probabelmente, do século XIII. Atribúeselle a súa edificación ao ponteiro Pedro de Pedre, egrexio canteiro quen o pobo considera proxenitor do mestre Mateo. A Pontapedre comunica as aldeas de Pedre e O Serrapio, salvando o curso do río Lérez que, corrente arriba, recibe a xenerosa achega do río de Quireza. No antigo -como ben o constatou o Padre Sarmento (1745)-, os peregrinos empregaban este vieiro, de feitura romana, para dirixirse a Compostela.

A Pontapedre foi escenario do suicidio da moza Rosa Neto ("Rosiña de Pedre") que, acurralada polos franceses (22-3-1809), preferiu entregar a súa vida ás procelosas augas antes ca ser deshonrada pola soldadesca. Así mesmo, na ponte de Pedre, aínda que desposuída da cruz, se celebra o ritual do enxembramento (bautismo prenatal) e os camiñantes padecen as aduanadas do demo burleiro que adoito se manifesta transformado nun solícito cabalo.

O conxunto arquitectónico da Pontapedre (ponte e muíño) viuse vulnerado no ano 1987. Ameazados os predios ribeiráns polo proxectado encoro de Dorna (Cotobade), o muíño de Sieiro (de catro moas) foi vendido e trasladado a Codeseda (A Estrada) en troco dunhas 300.000 pesetas". Velaí, entrecomiñado, o texto do novo panel informativo.

A ponte de Pedre posúe uns 60 m de lonxitude. O seu largo oscila entre os 2'95 m e os 3'30 m. A altura dos peitorís acada os 60 cm, aínda que hai seccións nas que non levanta máis dos 50 cm.

A construción érguese encol de tres arcos, lixeiramente apuntados, de disímiles dimensións. A clave do arco mor afástase do leito uns 8 m, a do arco meán, uns 6 m, e a do arco pequeno, uns 4 m. A luz do arco mor é duns 12 m, a do meán é duns 9 m e a do arco pequeno é duns 6 m.

Como ben se deduce, a ponte gaña, arco a arco, dous metros de altura e tres metros de luz.

O arco meirande sitúase á esquerda da ponte, segundo a dirección da corrente. O arco pequeno, que fai as funcións de aliviadoiro, localízase á dereita da construción. Na actualidade, malia a moita chuvia do inverno, o río só enfía o ollal do arco grande.

A ponte refórzase con dous tallamares (en contra da corrente) e dous contrafortes (na cara posterior). Construído entre o arco mor e o meán, o tallamar meirande posúe 4 m de avante e acada os 4'60 m na súa parte máis ancha. Construído entre o arco meán e o aliviadoiro, o tallamar pequeno posúe 2'75 m de avante e acada os 3'50 m na súa parte máis ancha. O contraforte meirande presenta 4'80 m de ancho frontal e 3'25 m de fondo. O contraforte pequeno, 3'30 m de ancho frontal e 1'47 m de fondo.

Polo que respecta ás marcas de fábrica, tras inspeccionar coidadosamente o intradorso dos arcos, rexistramos, cando menos, dez sinaturas diferentes que dan testemuño doutros tantos canteiros. Así que fomos descubrindo a súa obra, se nos deu por referilos empregando os seguintes adeallos: "o grampas", "o sete", "o alcaiata", "o hache", "o da cruz", "o te", "o chanzo", "o anzol"...

Moito nos magoamos polo alleamento e relocalización do muíño de Sieiro, ou muíño da Pontapedre. Axiña se cumprirán 30 anos do seu traslado a Codeseda, adquirido por un particular que, naquela altura, ostentaba o cargo de director de Vivenda da Xunta da Galiza. Esta perda patrimonial, propiciada polo desatinado proxecto da represa de Dorna, sumouse ao espolio perpetrado no haber inmobiliario da aldea do Serrapio. "A río lodo, ganancia de pescantíns".

Paralizada a construción do encoro -agardemos que por sempre-, Capitán Gosende insta ás autoridades o retorno do selleiro muíño ao seu lugar de orixe, para devolverlle a completitude ao conxunto arquitectónico da Pontapedre, un dos reclamos turísticos do concello de Cerdedo.

Poucos testemuños se conservan da disposición orixinal. Entre eles, un fermoso debuxo a plumiña de Agostiño Portela Paz, inserto no libro "As pontes do Lérez" (1987), escrito por Antonio Rodríguez Fraíz (que nos serviu para ilustrar o panel informativo); unha outra ilustración, aparecida en "Faro del Lunes" (17-12-1984), que acompaña unha reportaxe sobre Cerdedo, publicada no suplemento "Enciclopedia viva de los pueblos de la provincia", e un manelo de fotografías pertencentes ao arquivo persoal do polifacético Augusto Fontám, membro de Amigos da Cultura de Pontevedra. Un debuxo do alzado do muíño, elaborado polo arquitecto Ángel Canaval Chamosa, arrequece un seu artigo sobre a perda da arquitectura rural en Terra de Montes, publicado en "Diario de Pontevedra" (6-12-1987).

Ao pouco de completar o noso labor, xa recibiamos as primeiras mostras de aprobación e gratitude por parte dos excursionistas que, aproveitando a bonanza meteorolóxica, escolleran aquel itinerario para o seu esparexemento.

A ponte de Pedre clama, no deserto, por unha restauración. Urxe, como mínimo, exonerala do abafante manto vexetal cuxa raizame pon en perigo a súa estabilidade. A modesta intervención de Capitán Gosende, amais de restituír a integridade do monumento e mirar pola seguranza dos camiñantes, persegue aguilloar a vontade dos que administran o diñeiro de todos e din protexer, malia a súa pasividade, o noso tesouro cultural. A consideración do conxunto monumental de Pedre e O Serrapio como Ben de Interese Cultural (BIC) blindaría estes predios da desasisada política megalómana. Lamentabelmente, o desfeito desfeito está.

Como é posíbel que unha ponte medieval que ergue sobre o pai Lérez un camiño de época romana e posterior rota de peregrinaxe presente un estado de conservación tan calamitoso? Como se pode admitir o desleixo dunha instranscendente e groseira cartelaría? Como se consente que o vandalismo e o ladroízo actúen con impunidade? Na aldea hai quen coñece o paradoiro da cruz roubada na Pontapedre.

xa metidos en fariña, máis alá das liortas de lavadoiro, alguén me pode explicar cal é o propósito dese novo chiringuito nomeado "Conca do Lérez"?

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Encuentra los eventos de