Xela Arias (1962-2003), a poeta que describiu "a noite" coma "unha fráxil liorta de escualos" e que baseou a súa exigua pero pulcra obra -catro libros en 41 anos de vida- no amor, a alienación do individuo a través da sociedade e a futilidade da existencia será homenaxeada hoxe en Vigo nun acto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

O lugar do tributo: o Instituto Álvaro Cunqueiro, un dos centros de ensino onde impartiu clases. A partir das 19.00 horas, familiares, amigos e coñecidos do mundo das artes, do teatro, da literatura e da edición reuniranse para ler poemas da autora e lembrala, con música de Xardín desordenado e do clarinete de Fernando Abreu coa voz da escritora Iolanda Zúñiga.

A causa da xuntanza son os dez anos que se cumpriron o pasado mes de novembro do seu pasamento pero tamén a necesidade de manter viva unha poesía que Jesús Expósito calificou de "moi personal, arriscada e sinceira" que trouxo á poesía en galego, entre mediados dos 80 ó 2003, "elementos inéditos, tanto nos temas como nos estilos".

A pesar desa vangarda, desa linguaxe poética tan persoal cun código de símbolos propios que contribuiu a renovar a lírica galega, a obra de Xela Arias é hoxe por hoxe moi díficil -por non dicir, imposible- de atopar en librerías e mesmo nas bibliotecas, incluídas as principais de Vigo. Só se encontra na Biblioteca Virtual de Galicia unha escolma de Darío a diario, onde relata en clave de poesía a súa experiencia da maternidade; así como outra escolma do seu derradeiro poemario, Intempériome, no que deixou escrito estrofas como: "Abrazo a desorde das ideas/ e sei/ que a unidade se compón/ A unidade componse./ Da desorde".

A escritora Marta Dacosta, membro da directiva da AELG, e que participará na homenaxe de hoxe, explica que "esa é unha cuestión fundamental, poder acceder a unha obra dun escritor, non perder a memoria dos escritores que non temos entre nós".

Para evitar que as pegadas da alma de Xela esmorezan e se volvan invisibles, Xerais -editorial na que ela traballou dende os seus alicerces- prepara a edición para este ano das obras completas publicadas. O volume, segundo confirmou onte o editor Manuel Bragado, está a ser coordinado por María Xesús Nogueira e estará formado por Denuncia do equilibrio, Tigres como cabalos (obra que rachou na súa época por ensamblar poesía e fotografía, especialmente de nus, entre eles, da propia autora), Darío a diario e Intempériome ademais de poemas soltos que publicara no FARO DE VIGO, Dorna ou outras publicacións.

Para comprender esta poesía así como quen era, a súa nai, Amparo Castaño, lembra que o gusto pola escrita e a lectura trabou nela dende moi cativa, gañando un primeiro premio literario ós once anos. O seu irmán Lois Arias tamén recorda como Xela lle escribira dous contos sobre mexillóns.

Na súa casa, a súa carreira literaria era vista como algo agardado. "O pai -Valentín Arias, profesor lucense instalado en Vigo onde foi xerente de Galaxia, e autor- estaba rodeado de escritores; que Xela collera ese camiño era algo normal", rememora a nai, ó tempo que destaca que "era moi independente, rompedora en todo indo sempre por libre; implicándose con moitas cousas" e tendo sempre a familia como o primordial.

A implicación tamén a resalta Marta Dacosta. "Xela entregábase ó que facía, era editora, tradutora, poeta. Tiña unha voz moi persoal. Foi moi difícil asimilar a nova da súa morte ("inesperada e fulminante por un problema cardíaco", lembra o irmán Lois Arias). Non eramos capaces de encaixalo. Tiña tanto por dicir".