"Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira, iso si que é muiñada" reza a copla popular galega. Ese espíritu recolle a Festa da Sementeira do Millo que se celebra en Matamá nun tempo algo máis reducido: sábado e domingo.

Arredor do restaurado muíño da Regueira, o Colectivo Cultural Alternativo Malaherba celebra unha fin de semana na que se recorda e pon en valor a vida rural da parroquia dentro dun ambiente festeiro.

Entre as actividades lúdicas destaca a celebración, outro ano máis, das populares Olimpiadas do Campo, desta vez con lume olímpico incluido, que percorrerá as rúas de Matamá o sábado a partir das 15h. Para promocionar a cuarta edición deste evento deportivo, Malaherba realizou un vídeo protagonizado polo polifacético artista O Leo i Arremacaghona:

O facho olímpico presidirá a competición, integrada por disciplinas como lanzamento de sacho e boina, carreira de sacos de millo e con cuncas de viño, tiro da corda, desprazamento de marcos e debullado de millo.

Unha vez finalice a competición, ás 21h Sergio Pazos ofrecerá un monólogo, ao que seguirán as actuacións dos grupos Zurrumalla e Sacha na Horta.

O domingo dedícase ao traballo no campo, co sachado dunha leira ao carón do muíño da Regueira, ata onde se dirixirán dous carros de bois. O muíño estará operativo para amosar o seu funcionamento, e aqueles que o desexen poderán levar un pouco de fariña moída nel. Completa a festa a sementeira do millo a partir das 17h.

Ao longo dos dous días haberá unha feira tradicional, con obradoiros de artesáns e máis dunha trintena de postos con productos feitos a man. Nunha celebración do mundo rural non podían faltar algúns dos seus elementos máis importantes: os animais. Haberá unha mostra de burros, ovellas, cabras, coellos e tamén cans de palleiro, da man do Club de Raza Can de Palleiro.