Jueves, 9 Abril 2020

Noticias | Agenda

Xulio Pardo de Neyra: "A literatura pornográfica é exquisita, se é boa"

Doutor en Filoloxía Galega vén de axitar o panorama cultural do país coa publicación de primeira novela pornográfica en galego
30-05-2014 17:50
2 votos
Xulio Pardo Neyra // FdV

Xulio Pardo Neyra // FdV

-É Vde. mesmo quen cualifica Intensa e quente é a túa humidade azul como "a primeira novela pornográfica da literatura galega", pero na editorial onde a publica, Edicións Positivas, existe a colección "Narrativas Quentes" dedicada a un tipo de literatura que, máis ou menos, vai por eses vieiros. Que diferenza hai entre as novelas que se publicaron nesa colección e a súa novela?

-Se exceptuamos non poucas cantigas galegas medievais, onde se fala explicitamente de sexo através do trazado dunha imaxinería certamente elocuente, si é esta a única proba literaria con este carácter; desde logo, atendendo ao modo narrativo, Intensa e quente é a túa humidade azul é a primeira novela pornográfica da literatura de Galiza. E no resto de autores engaiolados pola maxia do erotismo (e quero citar agora a Méndez Ferrín ou a Isidro Novo, a quen así mesmo admiro), talvez as imaxes alusivas ao sexo sexan tamén máis suaves, máis mornas e portanto con menor voltaxe en tanto a tender á expresión explícita do sexo. O que diferencia a miña novela das outras que se publicaronna colección "Narrativas Quentes" acaso sexa que, nas outras, o erotismo é máis suave, máis suxerente e menos bravo, menos explícito que do que acontece na miña obra.

-Unha cousa é erotismo e outra pornografía, malia que ás veces os límites son bastante difusos. Por que a súa novela é pornográfica e non simplemente erótica?
-Eu considero que existe unha notable diferencia entre erotismo e pornografía, e que non estriba na vulgaridade, como adoito se veu dicir. Para min, o erótico é algo que, dirixido ao sexo, apunta, suxire e incita; o pornográfico é moito máis directo e, sen deixar de ser igualmente dirixido cara ao sexo (ou moitísimo máis, porque é moito máis difícil narrar varios actos sexuais desde a imaxinación e a riqueza léxica sen caer no simple), concéntrase, recréase, goza, reflicte e excita.

-Se trasladamos os termos ao cine, resulta que o cine erótico ten boa fama, pero o cine pornográfico non. É posiblel facer literatura de calidade partindo da pornografía?
-A literatura pornográfica é literatura igual de exquisita que a literatura infantil, cando é boa; que a literatura negra, cando tamén o é; ou que calquera outro tipo de literatura. A literatura é unha única empresa, siga o xénero que siga, non resume maior calidade literaria un poemario que unha compilación de relatos; do mesmo xeito, unha boa obra literaria pornográfica é igual de excelsa que outra calquera. O problema, entanto, e especialmente no noso espazo xeopolítico, son os remorsos, os medos, o tradicionalismo abxecto que inza a nosa cultura e que, curiosamente, se aleita sen parar. O cine pornográfico (chamado porno) é tradicionalmente machista: nel o único que ocupa e preocupa os fotogramas son as corridas masculinas, as vergas e a cantidade de leite que estas botan. Nel é moi difícil, case imposíbel, ver como unha muller goza, como un home é quen de procurarlle pracer. É, portanto, unha perspectiva androcéntrica a que rexe nel, mais non distinta á que rexe na maior parte de manifestacións artísticas occidentais. O problema do canon literario e da calidade estriba noutros aspectos, non no feito de tratar, nunha obra literaria, un escenario sexual explícito.

-O cine erótico preocúpase pola trama e pola interpretación das personaxes, non así o que se considera porno. Na súa novela a trama e o perfil das personaxe é un aspecto secundario?
-O cine erótico talvez estivese, outrora, máis cuidado que o que coñecemos como porno. Este, o porno, sempre se facía para satisfacer o persoal, nomeadamente os homes. Mais agora, en boa lóxica, existen apostas cinematográficas do xénero porno que coidan o mesmo que se coida no cine: falo das apostas de Lars von Trier ou Erika Lust, por exemplo, no caso da segunda chamadas "porno para mulleres", dunha maior calidade que aquel porno de Andy Casanova ou Alec Metro, por citar dous casos máis. Quen pense que en Intensa e quente é a túa humidade azul vai encontrar o mesmo que nun filme protagonizado por Nacho Vidal ou Jynx Maze, vai equivocado ou equivocada. Nesta novela, porén, cóidanse a trama, as personaxes, os escenarios e, como dixen, apostando por unha riqueza léxica considerábel. En efecto, nela hai fodidas, corridas e mesmo escenas de spanking ou pissing, mais é, antes que outra cousa, unha historia de amor, mais nunca á tradicional, que va!

-Que autores/as poderiamos cualificar de referentes cando se decidiu a escribir esta novela?
-Os meus referentes son variados. Talvez por ser eu crítico literario, por dar aulas de literatura e por ser un consumidor intenso de obras literarias, sería moi difícil apostar ou sinalar un ou outro referente literario especial. Mais é curioso como case non hai escritor ou escritora de sona que non teña cultivado o xénero da pornografía. Se teño que elaborar unha fragmentaria nómina sobre autores e autoras entregados á pornografía literaria, por suposto citaría Bataille, Desclós, Bisiou, Sacher-Masoch, Schroeder-Devrient, Apollinaire, Sade e a traxectoria árabe e chinesa, onde hai verdadeiros e magníficos especialistas en desenvolver arte literaria en redor do sexo: Li Yu, Mohamed ben-Zakaria ou Sidi Mohamed al-Nefzaui, a quen cito precisamente na novela).

-Os protagonistas da súa novela son unha muller nova e un home maior. Por que non ao revés ou por que non un home ou unha muller de (máis ou menos) a mesma idade?
-Polo mesmo que os protagonistas de Anna Karenina son unha muller madurecida casada e un home máis ou menos da súa idade, ou os de Lolita son unha nena e un home maior. Simplemente escollín esas franxas etarias para situar unha historia de amor e de sexo . Atraeume a historia do cazador cazado e do antiheroe; isto é, un home que non representa a enerxía e a viveza, a cor e o brillo dun home xove, ben formado e cun corpo coidado; un home que se dedica a cazar mulleres e que, finalmente, é cazado polo sentimento amoroso de que tanto refugaba.

-O porno adoita estar relacionado co machismo...
-O porno está relacionado co machismo, de igual xeito (se colle máis) que case todo no noso espazo cultural. Mais nin eu son machista nin a miña novela proxecta uns intereses machistas ou androcentristas. Trátase dun traballo redixido por un home, iso si, mais por un investigador que precisamente traballou moito, e coñece por conseguinte, o que de machista rexe na sociedade actual.

-Despois da experiencia, pensa volver escribir outra novela pornográfica ou considerao unha "misión cumprida"?
-Escribir, investigar ou crear, polo menos para min, nunca é unha misión cumprida en tanto que finalizada. Sempre digo que son investigador a tempo completo; é dicir, gusto de experimentar, de analizar e de proxectar os froitos do meu traballo, sexan de creación como neste caso, sexan de investigación, á miña comunidade. Daquela seguirei a facer cousas, ademais gustan, así que eu encantado. Crear? Por suposto que seguirei, e crear máis obras erótico-pornográficas? Talvez € Cada un, cada unha, diríxese ao que lle satisfai, desenvolve as súas paixóns na escrita e eu, non é algo novo, son sobre todo un grande aleccionado ao subversivo, e se escandaliza (como este caso, mais por desgraza) mellor. Que falen de min, aínda que falen ben, que dixo Wilde €

-É curioso que tras unha carreira investigadora de máis de vinte anos e de ter publicado máis de trinta e cinco obras, sexa Vde., por mor da saída dunha obra literaria pornográfica, obxecto agora de atención continua por parte dos medios de comunicación do país...
-Publiquei o meu primeiro traballo de investigación en 1988, sendo eu un rapazolo de dezanove anos. E tras del viñeron moitos máis. Hai uns meses dei ao prelo un libro de relatos eróticos, O nome do arrecendo (algún deles máis subido de ton) na tamén simbólica Editorial Corsárias de Compostela, pero tamén pasou despercibido para a crítica e os medios xornalísticos. E iso que nel se desenvolven varias historias de amor e sexo (principalmente sexo) protagonizadas por parellas de home-muller, home-home ou muller-muller. Mais o erotismo que desprega talvez non fose quen de incitar a curiosidade que provocou Intensa e quente é a túa humidade azul. Non obstante, cónstame que tamén gustou e que así mesmo refire unha aposta anovadora porque nesa obra se desenvolven historias sexuais homoéroticas, como se adoita dicir na actualidade. A mágoa si é que sexa por curiosidade, por escándalo ou por certa renartesía que o meu nome saia á palestra informativa por ter publicado unha obra pornográfica, a primeira deste xénero na Galiza. Mais é o que hai

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Encuentra los eventos de