Por @SelinaOtero

Logo de 'Sete Cuncas', o primeiro traballo da formación de Quique Peón e Xurxo Fernandes, cantantes e percusionistas, Radio Cos presenta 'Pasatempo', un disco con melodías de raíz, inspiradas na tradición e na música popular galega, con ritmos tamén doutros países como Bulgaria, Polonia, Turquía ou Francia. Eles son dous referentes en investigación etnográfica e levan facendo gravacións de campo por toda Galicia (outras comunidades e Portugal) dende hai máis de tres décadas.

Con Pedro Lamas (gaita e saxo soprano), Nikolay Velikov ao violín e Xan Pampín no acordeón, estarán mañá no Auditorio do Concello de Vigo, logo de pasar por Barcelona, Madrid ou A Coruña. Coa experiencia nos últimos anos en festivais europeos, foron seleccionados pola revista 'Folk Roots' dentro dos mellores discos e entraron na lista World Charts Music. Participaron tamén na selección oficial de Womex 2016, celebrado en Compostela.

Para Xurxo Fernandes é un disco "moi enxebre". "Nunca nos alonxamos da nosa esencia pero á vez pareceunos interesante mesturar a nosa tradición con outras músicas de raíz do mundo porque claramente temos tradicións irmás coas que casamos ben".

Quique Peón, con décadas de experiencia a cargo da Asociación Cultural Xacarandaina de A Coruña, ademáis de director artístico de musicais como 'O poder do Arcabuz', explica que 'Pasatempo' está inspirado no parque de Betanzos, construído no seu día por Xoán García Naveira, que quixo plasmar neste espazo detalles e recordos das súas viaxes arredor do mundo. "Esa mesma idea é a que persegue Radio Cos: irmandar neste disco as culturas coas que mantivemos contacto a través das viaxes musicais".

O traballo, gravado nos estudos Nakra a finais de 2016 coa produción musical a cargo de Pedro Lamas e masterizado por Chris Muth nos estudos Taloowa de Nova Iorque, inclúe dez temas como 'Santa Mariñistán', 'Mazaricos', 'Alalá-ghoró', '100 pesos', 'Adios ríos, adios fontes' ou 'Panxola da madama'.

Falamos con Quique Peón:

-A sensación de 'Pasatempo' é unha mestura de sons de distintos países, con base na tradición galega, que recorda ao estilo do voso primeiro traballo. É así?

-Con este disco reafirmámonos en que a nosa música, a nosa tradición, é irmá de moitas músicas do mundo. Ten cancións propias pero tamén de fóra, que traemos e pasamos polo noso propio tamiz, como pasaba antes e facían moitos vellos con músicas que viñan de fóra.

-Pero con esencia vosa...

-Si, principalmente: cheira a mar, a toxo... con melodías recuperadas, algo que non podemos evitar. Non podemos fuxir de nós mesmos.

-Como foi a presentación en Madrid?

-Moi ben. Por certo, escoitaron o disco e dixéronnos que soaba máis galego que o outro e son máis as melodías de fóra neste que no anterior.

-Foi difícil escoller as pezas?

-Ao principio é un pouco de tolos, daslle mil voltas. Recuperamos melodías, tanto Xurxo coma min. Fas cambios pero case sempre volves a esa idea inicial.

-Cantas cancións sabe?

-Buff, non o sei, non o teño calculado.

-E bailes?

-Iso si que o sei: montei máis de 500 bailes.

-Hai melodías de Bulgaria en 'Pasatempo', por exemplo.

-Si. En Bulgaria teñen un ritmo que é o 'ghoró', parecido á nosa muiñeira. Entón, fixemos unha mestura cun alalá, e así se chama a canción.

-Son músicas ben recibidas en Europa?

-Sí, fóra gusta moitísimo tamén. Eu xa o tiña comprobado coas viaxes de Xaca durante tantos anos. A música, a tradición, chega directamente á xente. Nós estamos como nun Ecuador musical, refírome a Galicia, se miramos o Arco Atlántico. Abaixo África, con percusión potente. Arriba melodías máis aéreas, de Escocia. Nós temos un pouco de todo: percusión, gaita...E sobre todo que a nosa música é para bailar, e á xente nos nosos concertos gústalles bailar, compartir.

-Teñen pechada xira?

-Temos xa algúns lugares para concertos, si: Malasia, Borneo, Canadá, Chequia, Bruselas ou Estados Unidos.