Domingo, 24 Junio 2018

Noticias | Agenda

O retorno sonoro de María Fumaça

O Auditorio Mar de Vigo acolle o sábado o novo espectáculo desta locomotora musical
21-12-2017 00:57
0 votos
Francisco Castro, Uxía e Manuel Sío, onte na Casa Galega da Cultura. // Ricardo Grobas

Francisco Castro, Uxía e Manuel Sío, onte na Casa Galega da Cultura. // Ricardo Grobas

MAR MATO | VIGO
O proxecto María Fumaça tense convertido nos últimos anos nun verdadeiro fito na música para os máis noviños da casa. O fume sonoro desta locomotora sonora regresa a Vigo. O vindeiro sábado, día 23, a partir das sete da tarde e no Auditorio Mar de Vigo, máis de trinta persoas no escenario amosarán o novo espectáculo desta familia de músicos pilotados por Uxía Senlle que cantarán e bailarán para tódolos nenos cun fin: concienciar na diversidade e no dereito de todos -independentemente da súa discapacidade- a pasalo ben.

Onte, na Casa Galega da Cultura da cidade olívica, acudía a creadora do proxecto para dar conta da nova reviravolta: un disco editado por Galaxia no que se escolleron os temas de María Fumaça máis queridos polo seu público. María Fumaça, as que máis molan!!! é o título do novo cedé no que se inclúen dúas cancións novas, "Nun mar azul" e "Convivindo".

Uxía adiantaba onte no encontro cos medios que este será un "espectáculo moi colorido, diferente ós demais, con músicos subidos á locomotora da alegría". Algúns deses artistas serán Sérgio Tannus (guitarra e dirección musical); Santi Cribeiro (acordeón); Antonio Castillo (contrabaixo); Raquel Domínguez (gaita); Oli Xiráldez (requinta), Pablo Ces (bombo) e Andrés Giráldez (percusión).

A cantante lembrou como xurdira o proxecto de María Fumaça, como un agasallo en forma de disco autoeditado pensado para o seu sobriño Rui. Esa obra privada para uso familiar atraeu o interese da editorial Galaxia que decidiu editalo para o público.

Na canle televisiva dixital de sonárbore -da mesma Galaxia-, algúns dos temas dos anteriores discos teñen chegado ás 600.000 reproduccións como é o caso de Manola mentras que outros como "A horta de Balbina" superan ás 200.000.

Estes datos foron tidos en conta á hora de elixir os temas deste novo disco recopilatorio; inda que a propia Uxía explicou que ela valeuse doutro método para indagar "nas cancións que máis molan". Este consistiu en ir preguntando ós rapaces despois dos concertos cales eran as composicións de María Fumaça que máis lle gustaban.

Estas cancións seleccionadas serán o meollo do directo do sábado cuxo fin é "arroupa-lo Rui", un neno xa maior que intenta vivi-la súa discapacidade con normalidade. Diso precisamente se trata este proxecto, de derribar barreiras.

O pai do pequecho, Manuel Sío, participou tamén na rolda de prensa animou a acudir á actuación e coñece-lo último disco para que "a xente descubra que hai outra xente con diversidade funcional". Pola súa banda, Francisco Castro, de Galaxia, subliñou que os hits de María Fumaça "pertencen agora ó imaxinario de milleiros de persoas" que disfrutarán o sábado do "espectáculo escénico" que prepara esta gran familia musical e artística.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Galicia en Vinos

Galicia en Vinos

Encuentra los eventos de