Porque non hai nada que se lles resista, a asociación Aceesca, de apoio a persoas con diversidade intelectual, está actualmente inmersa no seu proxecto Aceesca Film a través do cal os usuarios do centro de educación especial coñecen máis polo miúdo o mundo audiovisual e todo o que elo implica, dende a realización dun guión, a gravación ou posta en escena e o montaxe final. A área de infancia e xuventude, que abrangue no seu centro educativo a 32 persoas de entre 3 e 21 anos, é a máis implicada pero nas actividades participan tamén o resto de persoas usuarias da entidade porriñesa. "Todo o mundo pode facer algo, aquí todos achegamos e sumamos", explica Mari Santos, directora da área de infancia e mocidade. "O obxectivo principal é levar a cabo unha educación inclusiva, que o alumnado doutros centros e calquera cidadán vexan que un centro de educación especial ten o seu día a día como calquera outro, no que se traballan moitas cousas. Queremos visibilizar as capacidades de todas estas persoas, elas son os protagonistas e nós os seus soportes e apoios", subliña. Neste caso, “o cine é un recurso de aprendizaxe global de participación na sociedade simulando situacións nas que traballamos competencias persoais utilizando diferentes contextos”, engade.

Aceesca Film foi unha iniciativa que comezaron o pasado curso pero que por mor da Covid-19 quedou parada. Agora, coa volta ás clases retomouse o programa pero “xa se está formulando dun xeito totalmente diferente, houbo que refacer metodoloxías, actividades e demais, porque por exemplo a colaboración da Escola de Imaxe e Son de Vigo mediante a participación in situ do seu alumnado no noso centro xa non poderá ser posible, nin tampouco recibir as visitas de escolares para mostrarlle o resultado final”.

Con todo, nada máis comezar o curso xa se puxeron mans á obra pensando na primeira das festividades máis populares, o Samaín. Seguindo a idea do túnel do terror dos últimos anos, o alumnado, dividido en grupos burbulla e coa axuda dos profesores, crearon curtas nas que se contan diferentes historias de medo que, todos unidos, compoñen unha auténtica película que produce arrepío e espanto ao espectador. Algúns son inventados e outros son reproducións, a temática abrangue dende casas encantadas, fantasmas como o da ópera, bonecas diabólicas, zombis e ata historias da vida mesma. Pezas audiviovisuais que posteriormente se plasmarán con textos e imaxes en papel, formando unha colección de contos.

As curtas están colgadas na rede, onde aínda se poden ver a través da seguinte ligazón https://classroom.google.com/c/MTU3MzI2NjUzNTU2?cjc=flu4smz. Foron un total de 19 pezas que, á súa vez, formaron parte dun concurso, o festival de curtametraxes “Contos para non durmir” no que tamén participaron facendo a súa propia curta alumando do dos colexios Antonio Palacios, de Porriño, e Altamira de Salceda. Expuxéronse en liña todas elas e a continuación procedeuse á súa votación. "A miña pequena little Dolly", das aulas 6 e 7 do centro educativo de Aceesca, foi finalmente a gañadora en todas as categorías: mellor guión, mellor elaborado e o máis terrorífico; en mellor ambientado empatou con “A lúa prateada”

O ano pasado fora un terror en directo, desta vez é unha experiencia audiovisual que así quizais chegue a máis público, pois calquera que así o desexe pode visionala a través das redes sociais de Aceesca.

“Con actividades como estas queremos amosar a toda a sociedade non as súas discapacidades, senón as súas capacidades para facer o que calquera persoa cos apoios necesarios. A inclusión é participar activamente na cidadanía e se temos que adaptarnos para facelo a través de medios audiovisuais, farémolo”, puntualiza Santos. Se os dous últimos anos os usuarios da área de infancia e mocidade se converteran por uns días en zombis, monstros, vampiros, bruxas, esqueletos e outras figuras propias de Samaín para ser os protagonistas do túnel do terror que foi visitado por escolares e polo público en xeral, neste 2020 engadiron ademais do labor de actor, o de guionista, editor, cámara, montador e todas as figuras que compoñen un equipo audiovisual.

Aceesca Film desenvólvese como unha propia metodoloxía de traballo vinculada á aprendizaxe baseada en proxectos, así, “tamén iniciaremos un novo proxecto neste curso 2020/2021, Prantando un futuro, con actuacións encamiñadas todas elas ao respecto e coidado do medio ambiente e faremos entregas das curtas realizadas con esta temática

Diversidade intelectual

Para incidir no importante da terminoloxía que se emprega para referirnos ás Persoas con Discapacidade Intelectual, en Aceesca utilizan o termo Diversidade Intelectual, “xa que a nosa misión, que é mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, das súas familias e da contorna, promovendo o cumprimento dos seus dereitos e favorecendo a súa autonomía e autodeterminación, abrangue potenciar os talentos da persoa por riba das súas dificultades e que a discapacidade intelectual ou do desenvolvemento é una característica máis, que implica uns apoios específicos na contorna”

Dignidade, respecto, igualdade e participación son os principios polo que se rexen en Aceesca e os valores fundamentais son a autodeterminación, inclusión, defensa de dereitos, compromiso, coherencia e integridade, empatía, eficacia e eficiencia, mellora continua e transparencia.

En Aceesca organizan a intervención centrándose en catro áreas, que dan alcance ás necesidades das persoas en todo o seu ciclo vital. Así, ademais da área de infancia e mocidade están a de adultos (centro ocupacional e centro de día), a de emprego e a das familias.

Centro Especial de Emprego

Na aposta de Aceesca polo emprego das persoas con diversidade intelectual, imprescindible para alcanzar unha plena inclusión na sociedade, e ante as dificultades que se atopan para a inserción laboral na empresa ordinaria, a Asociación Aceesca crea no ano 2006 un Centro Especial de Emprego “Aceesca Emprego S.L.”, que ten como finalidade dar unha saída profesional ás persoas con diversidade intelectual como paso previo á inserción laboral na empresa ordinaria.

A entidade está cualificada como Centro Especial de Emprego sen Ánimo de Lucro pola Consellería de Traballo e as súas actividades principais son a xardinería, produción de planta no invernadoiro e limpeza de instalacións, complementándose con outras como acompañamento no transporte, xestión do punto limpo, mantemento das instalacións, apoio no comedor e servizo de recepción.

Preparativos de vestiario antes de comezar a gravar. // FdV

Persoal e usuarios do centro educativo de Aceesca. // D. P.

Sesión de traballo de montaxe para a creación das curtas. // D. P.