A localidade de Salceda de Caselas, con máis de 9.000 habitantes, está situada entre Tui e Salvaterra de Miño e ten moita sona polas súas afamadas festas, aínda que agora se teñan visto irremediablemente mermadas pola pandemia da Covid-19. A súa Festa do Entroido, na que se enfrontan coas súas carrozas e disfraces dous dos seus barrios, A Feira e Castro Barreiro, de rivalidade centenaria é moi valorada e visitada. Tamén a súa festa gastronómica dos callos, que reunía cada setembro a milleiros de comensais.

Con todo, Salceda posúe espazos naturais de gran valor e constitúen un referente para as persoas que elixen o turismo “verde” complementado cun abondoso patrimonio constituído por muíños, cruceiros, pazos, petos de ánimas ou lavadoiros.

As sendas fluviais que rodean os seus ríos ou os seus parques etnográficos son tamén un reclamo ao que non vale a pena resistirse.

Pazos

Rico en pazos. Salceda de Caselas é un dos municipios galegos con máis pazos no seu territorio. Construídos como fogares das familias fidalgas nos séculos da ldade Moderna, combinan a súa condición residencial e de lecer coa de centros de produción agrícola.

Na parroquia de Santa María de Salceda atópanse os dous fermosos pazos de Pegullal e Avalle. O Pazo de Pegullal, que foi construído no século XVIII, con estrutura en forma de “U”, conta cunha dobre escalinata de acceso que acaba nunha solaina de balaustradas. Hai que destacar a súa finca, que comprende unha capela dobremente brasonada, un singular hórreo de case catorce metros de lonxitude, cun portalón monumental co escudo de armas da casa. Pola súa parte, o Pazo de Avalle é unha construción barroca de 1787, con belo portal de entrada e unha escalinata que acaba nunha suntuosa solaina.

En San Martiño da Picoña atópase un dos pazos máis fermosos de Galicia, coñecido co nome da “Casa Grande” e constitúe a mellor mostra do esplendor dos señores da Picoña, de gran relevancia na comarca. Foi fundado no ano 1543 por D. Morguete Rodríguez e a súa xurisdición foi outorgada por Felipe II. Lamentablemente, o pazo foi convertido en vivendas unifamiliares para os que tiñan posesión destas terras, polo que quedan poucos elementos do pazo inicial catalogado como un nos que se presentaba maior riqueza dos arredores.

Finalmente, na parroquia de Entenza, no lugar da Corisca, está a casa que pertenceu ao xeneral Rubio. Actualmente, todos están en mans privadas, polo que a súa visita non é posible.

Áreas recreativas

En tempos como os actuais nos que os espazos abertos ao aire libre se valoran aínda máis, Salceda de Caselas conta con varias áreas recreativas. Entre elas destaca o Espicho do Faro, inaugurada no 2000. Atópase na parroquia de Entenza e é propiedade da comunidade de montes, cunha superficie aproximada de 28.000 metros cadrados.

Desde o Espicho do Faro se contempla o val do Miño no seu último percorrido cara a desembocadura no Océano Atlántico. No parque asoman rochas de formas caprichosas coma o “Penedo da Seta”. Conta con bancos, asadores, fontes, charca, “recuncho do lector”, zona de xogos, aparcamento.

A súa vexetación é moi variada, inclúe exemplares de piñeiro, castiñeiro, bidueiro e carballo. Ademais alberga árbores ornamentais podemos destacar cedros do himalaya, catalpas, arce real, liquidambar, castiñeiro das indias e o Ginkgo (Ginkgo biloba), un fósil vivente. Desde este punto resulta doado observar numerosas aves como colivermellos ou xilgueiros, tamén lagartos, libélulas, coellos, ras ou sapos, entre outros.