Bo ambiente e estrito cumprimento dos protocolos e medidas de seguridade anti Covid-19 primaron antonte na saída da etapa 15 de La Vuelta Ciclista a España desde o Pazo de Mos. Foi a etapa máis longa da competición que rematará mañá en Madrid.

Foi a primeira vez que Mos viviu un acontecemento de tal calibre e que se organizou como homenaxe ao seu veciño máis ilustre neste sentido, o campión do Tour de Francia no 2006 Óscar Pereiro e embaixador de La Vuelta, na que participou en cinco ocasións, entre os anos 2002 e 2007

O forte vento de cara fixo que o comezo se adiantara 30 minutos da hora prevista. Foron 230 quilómetros, con máis de 4.000 metros de desnivel, os que percorreron os ciclistas para chegar ata Puebla de Sanabria, para o cal atravesaron diferentes localidades da bisbarra como Porriño, dende onde se lanzou o pelotón na rúa Antonio Palacios en dirección Cans; Ponteareas; As Neves e Arbo.

Previa a esta xornada histórica con municipio de Mos foron moitas as actividades e actos celebrados con tal motivo. Neste ano 2020 atípico o Concello organizou unha programación específica de cara a chegada do 5 de novembro. Conferencias, concursos (entre os cales se deseñou e confeccionou unha máscara protectora única para a ocasión), música (artistas e grupos locais que elaboraron a súa propia versión, incluíndo videoclip, da canción de La Vuelta de Carlos Baute) e un sen fín de accións para a promoción deste momento do que agora queda constancia no monólito conmemorativo instalado nas inmediacións do Pazo de Mos, descuberto antonte no momento da saída que levou ao pelotón por diferentes parroquias mosenses durante o percorrido neutralizado.