O cámping da Freixa está actualmente nun estado inutilizable. O Concello de Ponteareas decidiu acometer obras nel para sacarlle proveito como un recurso turístico máis na Vila do Corpus, nas inmediacións do río Tea.

O Concello comprobou que, aínda que durante medio século o cámping estivo en mans privadas, a titularidade da propiedade é municipal. O terreo ten máis de 14.000 metros cadrados e está emprazada nas proximidades desta praia fluvial do Tea.

Despois de comezar pola recuperación da parcela, xa que o solar estaba “totalmente abandonado”, o Concello licita agora as obras para acondicionar a instalación, co fin de converter este cámping “nun espazo de campismo idóneo para o tempo de lecer”.

Os traballos consisten na reparación de instalacións eléctricas e de fontanaría, a reparación dos acabados interiores e exteriores, a adecuación dos vestiarios e a cafetaría, a reposición de elementos danados e o subministro de electricidade e auga potable.

As actuacións, licitadas por un importe próximo aos 70.500 euros, serán financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“É un paso imprescindible para poder sumar este espazo aos múltiples atractivos cos que conta Ponteareas para o tempo de lecer da nosa veciñanza e visitantes” apunta a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

A previsión do Concello de Ponteareas é dotar ao cámping ademais dunha zona destinada a auto caravanas para dar resposta á alta demanda deste servizo na zona.