“As fadas non son elfos, son mulleres que aprenderon a voar, crendo no seus soños…” con esta frase de Aleksander Herzen defínese Natalia Lago, A Fada do Aloia, educadora ambiental e infantil, nada en Tui, amante da natureza e en especial do Parque Natural Monte Aloia, do cal coñece todos os recunchos.

“Inventeime esa personaxe porque me gustaría ser unha muller máxica e feiticeira, protectora do que máis amo, a natureza e os animais. Son como aquela fada que vive no bosque e que fai un pouco de conexión entre os humanos e a natureza”, explica.

Con ampla experiencia no sector, dende fai uns meses comezou un novo proxecto de educación ambiental no Monte Aloia, o primeiro Parque Natural de Galicia, declarado en 1978. Trátase de rutas interpretativas para todas as idades, algunhas delas deseñadas especialmente para os máis pequenos da casa, a través das cales amosa a maxia, os segredos e os tesouros que garda este espazo, descoñecidos incluso por xente do propio municipio que se queda sorprendida co aprendido. Con todo a Fada apunta que “fai un século veríamos algo totalmente diferente ao que vemos agora”.

Pola senda botánica, nunha visita con nenos amosándolle algúns dos anfibios que se poden atopar no Aloia. D.P.

“Fago unha interpretación da fauna e da flora, así como dos elementos etnográficos, arqueolóxicos e paisaxísticos do Parque”. Uns conceptos teóricos que, ao momento, se aplican á práctica porque “imos vendo pegadas de animais, plumas, piñas, froitos, aprendemos a identificar sons das diferentes aves e animais, algo que, sen dúbida gusta moito a todos, grandes e pequenos”.

Son un total de seis percorridos diferentes que abranguen a práctica totalidade das 746 hectáreas do Parque. Un vai polos muíños, outro polos miradoiros e a Muralla Ciclópea, tamén pola Senda Botánica, por Rego de Pedra, Altos dos Cubos e polo miradoiro natural de Alto da Cabaciña e a Poza de Cabanas.

Indumentaria

E para facer máis crible se cabe este proxecto, a Fada vai vestida como tal. Unha coroa/diadema de flores, vestidos longos con capa e incluso un bastón de feiticeira. “Inspireime nas fadas e meigas do bosque, todas levan bastón, pero realmente éme práctico sobre todo cando quero sinalar algún bichiño, un limpafontes ou unha ranciña”.

Na Poza do Rego de Pedra, falándolle aos visitantes dos anfibios que logo lles amosará na auga. D.P.

Natalia Lago dispón de varios vestiarios dependendo da climatoloxía e, dende logo, é algo que aos nenos lles chama moito a atención. “O Aloia é de conto de fadas”, asegura, “pois por exemplo no tema das árbores, este monte ten moitísimas especies diferentes, algunhas exóticas, moi variadas, ademais creáronse espazos moi bonitos como a Poza da Senda Botánica ou a de Cabanas, creados como se foran de conto, a propia Casa Forestal (hoxe Centro de Visitantes e Interpretación) é outro exemplo de fábula e lenda”.

Protección da natureza

“Ao que máis importancia lle dou é a educar á xente en xeral para protexer a natureza, ás veces facemos cousas mal sen sabelo, o feito de que collamos coa man un limpafontes sería perigoso para este especie pois lle podemos transmitir enfermidades”. Tamén fai fincapé nos réptiles, “unha fauna que, ao igual que os anfibios, ten moitas lendas que provocan o seu rexeitamento, cando en realidade non é tal”.

Con capa e bastón guía rutas interpretativas por todo o Parque para menos e maiores

Sen dúbida pasear polo monte é unha das actividades máis seguras en tempos de pandemia como o actual. Con amigos, en familia, para festexar un aniversario ou para agasallar nese día tan especial, sempre é bo momento para facer unha destas seis rutas a pé, e sempre que as restricións sanitarias impostas pola Covid-19 nolo permitan.

Amosando plumas de diferentes aves no miradoiro natural da Cabaciña.

Amosando plumas de diferentes aves no miradoiro natural da Cabaciña. D.P.

Son un total de seis percorridos, dende o máis curto, Amiga árbore, de 700 metros e apta para pequenos de a partir de 3 anos, ás máis longas de dous quilómetros e medio, tamén para toda a familia pero con nenos xa de 4 e 6 anos en adiante.

“Todas son moi sinxelas, entre unha hora, hora e media, dúas horas. Facémolas con moita calma”. Se houbese que elixir….. “quizais a Senda verde, da moito xogo, é nunha das que máis fauna se pode ver (ras, limpafontes, libélulas, peixes...) moita variedade de flora, tamén restos arqueolóxicos e vistas panorámicas”.

Ademais das sorpresas para os máis pequenos en cada unha das rutas, os que consigan facer os seis roteiros coa Fada do Aloia recibirán un premio especial coma “Protectores da Natureza e Axudantes da Fada”, co que esta intenta implicalos no coidado e protección dos animais e das plantas.

CLAVES

  • Amiga Árbore, de 700 metros de lonxitude. A través deste percorrido coñeceremos que lle aportan as árbores aos animais, aos humanos e á natureza en xeral e que anfibios viven no nosos regatos

  • Vexo, vexo, que ves?, de 2,5 quilómetros. Lévanos aos miradoiros Celta, ao do Castelo e ao das Cíes, tamén á Cama do Santo e a misteriosa Muralla Ciclópea

  • Quen viviu aquí?, de 2,5 quilómetros. Transcorre por fermosos camiños, altos piñeiros, un poboado castrexo e vistas panorámicas de Tui e de todo o Baixo Miño.

  • O Son da Auga, de 2,5 quilómetros. Un roteiro co que se da a coñecer antigos muíños de auga, a pisada do home e dos carros, fervenzas e bosques de ribeira.

  • O Camiño de Pedra, de 2,5 quilómetros. Unha obra de cantería, bosques de sobreiras, regatos cristalinos e fento real é o que poderemos apreciar nesta ruta.

  • A Senda Verde, de 2 quilómetros. Un miradoiro natural, diferentes especies de árbores, fauna e alto valor paisaxístico son as calidades que reúne este percorrido.

  • As persoas interesadas en descubrir os secretos de cada unha destas seis rutas só teñen que chamar ao 619 96 90 90 para facer a súa reserva.