Os cativos e cativas da Cañiza levaban moito tempo mirándoo con moitas ganas, tendo que resistirse a probar os seus atractivos e modernos elementos de xogo como medida preventiva para evitar a propagación da COVID-19 na localidade.

Este parque abriuse ao público o pasado 30 de marzo, despois de que o alcalde, Luis Piña, abordase esa posibilidade na reunión do Comité local COVID-19 do día anterior, na que se valorou a incidencia actual do coronavirus na localidade.

Advertencia por diante. Esta céntrica e colorida instalación de xogo permanecerá aberta sempre e cando se cumpran coas medidas de prevención previstas e non aumenten os casos.

O rexedor fai un chamamento á responsabilidade á veciñanza en todo momento co cumprimento das normas de prevención.

A construción deste parque foi subvencionada ao 100% pola Deputación de Pontevedra a través de distintas axudas. O Concello tivo que asumir un sobrecoste da obra de urbanización de 23.700 euros.

O goberno local explica que o parque permaneceu pechado porque non contaba cun elemento de seguridade por mor da altura que acadou un dos extremos da instalación que ofrecía perigo para os usuarios.

Por ese motivo, foi necesario realizar un replanteo final e modificar o proxecto para corrixir este risco. A solución foi instalar 61 metros de varanda en todo o perímetro para evitar caídas e asegurar o parque. As obras remataron o pasado 17 de decembro.

A construcción do parque costou 439.000 euros, aos que hai que engadir 67.500 do pago de expropiacións dos terreos e 15.800 euro da redacción do proxecto, o que ascende o seu custe a máis de 522.300 euros.

Parque Central

O proxecto do Parque Central consistiu na urbanización e desenvolvemento da zona verde, limítrofe con outro parque, o Doutor Heriberto Fuentes, cunha superficie de 4.429 metros cadrados. Habilitouse unha nova zona de ocio, xogos e descanso, con diferentes áreas interconectadas para xogos infantís e xuvenís, zona deportiva, espazos verdes e xardíns.

A actuación artellouse en base a elementos circulares, que acollen cada unha das citadas zonas, e serven de estabilizadores da topografía, e o conxunto completouse coa dotación dunha estrutura de xardíns e arborado.

O proxecto contemplou tamén a rehabilitación do hórreo existente e dotouse ao recinto dos servizos de saneamento, drenaxe e iluminación.

Na inauguración, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, apuntou que “espazos como este marcan unha forma de cambiar, apostar e construír e son unha mostra da transformación que estamos a facer na provincia para que todas as persoas poidan desfrutar de servizos vivan onde vivan”. O alcalde, Luis Piña, definiuno como “un punto céntrico para o desfrute do conxunto da veciñanza, e vai na liña da filosofía da Deputación para que a cidadanía gañe espazos para convivir e desfrutar”.