As tres últimas etapas da proba raíña do ciclismo en España disputaranse pola xeografía galega que nesta edición, coincidindo co Xacobeo, rematará diante da Catedral de Santiago.

Na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro atravesará os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela,

O Castro de Herville, na parroquia de Cela, será o lugar no que rematará a penúltima etapa, de 173, 6 quilómetros. O seu deseñador, artífice e autor, Óscar Pereiro, explicou durante o acto de presentación na Cidade da Cultura en Santiago, ao que asistiu tamén a alcaldesa Nidia Arévalo, que a etapa “un verdadeiro reto para os ciclistas e un auténtico espectáculo para o público, percorrerá 7 das 10 parroquias mosenses, cun tramo de 2 km ao 11,8% de desnivel”

Visita co equipo técnico

Precisamente, a pasada semana Pereiro, xunto coa alcaldesa técnicos do equipo de La Vuelta Ciclista a España, representantes da Comunidade de Montes de Herville e da Policía Local de Mos, o concelleiro da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso, e o novo concelleiro de Deportes do Concello de Mos, José Areal, visitaron o alto de Herville para supervisar o enclave no que se instalará a meta comezando así os preparativos previos a este gran día do ciclismo mosense. “Será unha etapa rompe pernas, unha etapa durísima”, augura único galego gañador dun Tour de Francia.