Interpreta as pistas e atopa os tesouros, estas son as dúas únicas instrucións do xogo A Miña Avoa que comeza hoxe no Porriño.

A iniciativa fundaméntase na avoa Euxenia, unha veciña do Porriño xa falecida, da cal o seu neto descubre a súa gran afección polas adiviñas. Así, dende hoxe e ata o 9 de xuño, a cidadanía en xeral pode participar deste xogo cuxo obxectivo non é só potenciar o lecer e a cultura no municipio, senón que ten como finalidade principal a reactivación da economía local ao entregar como premios vales de 50 euros a gastar no comercio da vila. “Necesitamos que todos nos involucremos e así, unindo forzas de todas as partes, contribuiremos a dinamizar a economía da vila”, explicaba a concelleira de Festexos, Camila Moreira, durante o acto de presentación desta iniciativa novidosa ao que tamén asistiron o concelleiro de Comercio, Sergio Casal; representantes das asociacións de comerciantes (Acipor) e de hostaleiros (Ahospor) e Joaquín Rodríguez, representante da produtora que organiza o evento

Son un total de 126 establecementos, entre comercio e sector da hostalería, os participantes na iniciativa. “Repartiranse anacos de xornais vellos polos diferentes establecementos participantes, nos cales irá agochada unha pista que nos indicará o lugar onde está o premio”, explicaba Rodríguez

Logo de atopar as pistas e interpretalas para dar cos tesouros agochados, a persoa participante deberá facer unha foto do lugar onde atopou o tesouro e enviala por WhatsApp ao número de teléfono 639 317 255.