Porque cada vez que prendemos un cigarro estamos poñendo en risco a nosa saúde e a dos que están connosco, porque non podemos esquecer que o consumo de tabaco é a primeira causa de morbilidade e de mortalidade evitable e porque non fumar na praia será un paso máis para conseguir unha sociedade sen tabaco para todos e entre todos, son algunhas das razóns para escoller unha praia sen fume. E a partir de agora, en Soutomaior temos esa opción trala inclusión dos areais do Peirao e Matilde na Rede Galega de praias sen fume.

“Trátase dunha iniciativa que quere desnormalizar o consumo de tabaco nun ambiente tan familiar como a praia, pero non a través do castigo e a penalización, senón da conciencia cívica das persoas”, sinala o alcalde Agustín Reguera que se amosa “convencido de que acabará sendo un éxito e un exemplo máis do bo comportamento e responsabilidade social dos veciños”.

Estes dous areais, dos máis visitados en Soutomaior, únense así aos 162 repartidos por toda a xeografía galega pertencentes a máis de 60 municipios. Precisamente, foi un concello da bisbarra, o de Baiona, cando no ano 2012 puxo en marcha unha campaña para a poboación co ¬fin de promover que non se fumara nas súas praias. Así naceu “Praias sen fume” e, a día de hoxe, podemos atopar exemplos destes areais, tanto de río como de mar, en moitos dos municipios da contorna, como Redondela, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Mondariz, Tui e A Guarda.

O Programa Galego de Promoción dunha Vida Sen Tabaco da Dirección xeral de saúde pública recolle esta iniciativa co fin de estendela por todo o litoral galego, creando a Rede galega de praias sen fume. “Praias sen Fume” non ten un fin recadatorio, senón educativo, de promoción da saúde e de protección do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario. Promocionar unha vida sen tabaco, desnormalizar o consumo do tabaco na sociedade, reforzar o papel modélico-positivo dos pais, formar unha rede galega de praias libres de tabaco e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente son os obxectivos desta iniciativa do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Acondicionamento

Ademais da inclusión das praias do Peirao e Matilde nesta rede, durante as últimas semanas o Concello estivo traballando no mantemento dos catro principais areais do municipio de cara a chegada dos períodos estivais, primeiro o de Semana Santa e agora xa pensando no verán.

Así, cunha campaña de limpeza a man, operarios municipais retiraron os restos e sedimentos depositados polo mar durante o inverno. Refugallos principalmente de artes de pesca rotos, latas, bolsas e gran cantidade de residuos vexetais, como algas e anacos de madeira.

No río Verdugo, onde se localizan as praias fluviais da Xunqueira e Veiguiña Longa, a brigada municipal procedeu á recollida do material orgánico arrastrado polo río durante as abundantes choivas dos últimos meses e que impedía o pleno desfrute da contorna.