“Unha soprano ten que demostrar que a ópera é un xénero coa capacidade de reinventarse, pero só pode facelo se o público máis novo lle axuda no seu cometido”, explica Esperanza Mara. Este é o contexto do que partiu a nova proposta de performance educativo “Soprano in Distress (Soprano en apuros)”, posta en marcha dende o Concello do Porriño, na que participaron preto dun cento de estudantes de ensino secundario dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro e dos colexios Santo Tomás e Hermanos Quiroga.

Nos mesmos centros desenvolverase a semana vindeira o obradoiro pola igualdade “Arreglando letras”. Unha iniciativa educativa sobre a perspectiva de xénero na música, impartida tamén por Esperanza Mara.

A metodoloxía céntrase no “learning by doing”, dótase ao alumnado de ferramentas creativas para mudar a realidade dun xeito participativo e activo, fomentando a súa implicación en termos de igualdade e inclusión, onde están presentes recursos de composición musical básicos cos que os participantes poden complementar a súa formación académica.