Teatro, maxia, cine e moita música para celebrar o San Telmo en Tui

Pódese dicir que son as primeiras festas grandes desta nova normalidade na bisbarra. San Telmo, patrón de Tui e dos navegantes, celébrase logo da Semana Santa e por iso é sempre das primeiras festividades patronais do ano. De novo, desta vez, non volven a ser as festas que sempre foron, non hai multitudes en torno a eventos que tradicionalmente atraeron a moitas persoas, veciñas da localidade e doutras de toda a provincia. As condicións non o permiten pero, dende logo, si está a ser diferente ao San Telmo virtual do pasado 2020, en pleno confinamento domiciliario. Agora hai unha completa e variada programación cultural, de xeito presencia l e respectando as medidas de prevención e seguridade fronte a Covid-19.

“Pensada para que as xentes de Tui poidan desfrutar duns días de agasallo cultural e de lecer”, destacando que “a cultura é segura”, así foi como presentaron a programación de San Telmo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente.

As actividades, dirixidas a todos os públicos, deron comezo o pasado mércores e prolongaranse ata o vindeiro luns, festividade local e día grande do patrón.

Música, espectáculos circenses e de acrobacias, representacións teatrais, proxeccións de cine e maxia compoñen a axenda cultural deste San Telmo. Son un total de 25 eventos a celebrar en dous enclaves da vila, no Teatro Municipal e no Paseo da Corredoira, fóra na rúa e dentro da carpa instalada para tal fin. Así, todas as tardes véñense sucedendo actividades de animación de rúa, ás 5 e ás 7, ás 6 espectáculo na carpa e ás 8 no Teatro, para os cales é preciso retirar previamente entrada, de balde, na web tui.gal, dispoñendo dunha capacidade de 120 cadeiras e 180 butacas, respectivamente. Con todo, a día de hoxe as prazas para a maioría dos eventos están xa esgotadas.

Hoxe comeza a fin de semana grande das festas habendo tamén actos polas mañás. Así este mediodía, actuará a sección de vento madeira da Banda de Música Popular de Tui, mañá domingo farao a sección de vento metal e o luns os grupos de cámara. A continuación (13.00 horas) haberá música de charanga cos pasarrúas de A Tu Ritmo hoxe e Cantos Somos.

Mostra do traxe e a camelia

Logo do éxito que tivo a VI Mostra da Camelia Cidade de Tui, cun modelo diferente do habitual por mor da pandemia, parte virtual e outra adornando unha vintena de escaparates do comercio local e lugares emblemáticos da localidade, o Concello propúxolle ao Amigos Tudenses da Camelia (Atuca) e a Asociación do Traxe Tradicional de Tui a preparación dunha mostra conxunta con motivo da festividade de San Telmo.

Así, ambos colectivos levaron a cabo a proposta e organizaron unha exposición con diferentes vestimentas do traxe tradicional tudense e outra virtual relacionada con esta planta e flor, a cal ademais está a engalanar distintos monumentos da vila. A mostra está aberta ao público e pode visitarse, ata este luns 12, no local situado no número 16 da rúa Calvo Sotelo.

Estampas anagrámicas

“Estampas anagrámicas” é o título da mostra do tudense Rafael García Sánchez que poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o 15 de maio. Unha das peculiaridades é que volve a exhibirse na cidade logo de 87 anos, pois o autor achegara esta colección para unha exposición celebrada no Casino tudense en 1934.

A segunda singularidade desta mostra é o seu contido. Son 72 láminas coa orixinalidade que cada debuxo, dedicado a unha persoa ou lugar, está realizado combinando as letras da cada palabra, á vez que dita combinación logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar.