A coca, dragón emblemático da vila de Redondela, acompáñase das penlas, das burras e dos danzantes das espadas, cada día do corpus e na fin de semana posterior. Preparando os seus percorridos, mulleres, homes e rapazada do municipio traballan previamente na elaboración das alfombras florais que amencen preparadas para recibir ás persoas visitantes antes de ser destruídas polos danzaríns, e a procesión que os acompaña (e que este ano non puido ser).

Toda esta información, e moita máis, aparece ilustrada na exposición “A Coca arte e tradición” ao aire libre baixo as pérgolas vexetais do Paseo da Xunqueira.

Así, durante todo este mes de xuño as persoas que visiten Redondela poden desfrutar desta mostra que percorre mediante fotografías, a esencia e a historia da Festa da Coca, os elementos que a compoñen, a tradicións e lendas que esconden así coma os cambios que esta celebración experimentou ó longo dos séculos.

Poderase acceder libremente e no caso de querer unha explicación ten a opción de anotarse aos paseos e conversas que cada xoves, tamén durante o mes de xuño, efectúan os guías do Departamento de Turismo.

Así, todos os xoves, ás 19.00 horas, con saída dende a Oficina de Turismo do Concello de Redondela, parte a visita guiada e de balde na que se percorren os lugares máis emblemáticos da vila a través da historia da Festa da Coca. Trátase dun “encontro especial onde cada quen poderá contar, aprender, preguntar, escoitar e explicar as súas lembranzas sobre esta celebración”. Unha invitación para visitantes e para os propios veciños, para cal se recomenda inscribirse previamente dada a limitación de prazas chamando ao número de teléfono 986 40 17 13 ou enviando un correo electrónico ao enderezo turismo@redondela.gal