Despois da valoración dos traballos presentados polas persoas participantes nesta primeira edición, xurdidos da necesidade de impulsar os estudos sobre esta comarca, contribuíndo á mellora do coñecemento da contorna, a divulgación e posta en valor dos estudos locais arredor dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, o xurado acordou, atendendo ao rigor científico e ao interese, deixando deserta a modalidade científico-tecnolóxica, outorgar o primeiro premio da categoría humanístico-social, cunha dotación económica de 3.000 euros, ao traballo “O Val de Miñor durante a Segunda República (1931-1936)”, da autoría de José Luís Mosquera Veleiro. Ademais, prémiase cun accésit dotado de 1000 euros, considerando os seus méritos, á investigación baixo o título “A represión franquista en Gondomar”, da autoría de Elena Crespo Fernández.

Atendendo ás bases dos premios, aceptadas na súa integridade polos autores partícipes desta convocatoria, os traballos quedarán en poder do Instituto de Estudos Miñoráns de cara a súa futura publicación, en forma de monografía o traballo gañador e de artigo, no vindeiro número da REM (Revista de Estudos Miñoráns), o accésit

Os premios serán entregadas nun acto, nunha data próxima, ao tempo que se convocará a segunda edición.