O campo do Alivio acolleu o pasado domingo o encontro de fútbol feminino entre o Tomiño FC Senior e o Sárdoma CF “B”. Foi un encontro especial logo de estar sen competir dende marzo de 2020 cando chegou a pandemia da COVID-19 que se saldou cunha vitoria local por 3 a 1. O seu presidente, Agustín González, estaba moi “emocionado” pola volta da liga na que, esta tempada, o Tomiño FC Femenino compite na 1ª División Galega, e aseguraba que comezaban “con moita ilusión”.

Á vez que anunciaban fichaxes e renovacións, no equipo están en plena campaña de socios. Baixo o lema “Faite fan do Tomiño FC Femenino” animan á veciñanza a unirse para apoiar ao equipo na súa volta á competición. A tarifa de adultos é de 10 euros mentres que a de xuvenís é de 5 euros, a cambio, as persoas socias poderán acceder a descontos en catro establecementos do municipio e poderán viaxar gratis no autobús do equipo senior nos partidos fóra da casa.

Mellora das instalacións

Esta volta á competición futbolística veu acompañada dunha mellora das instalacións deportivas. O Concello de Tomiño investiu durante os últimos meses medio millón de euros para mellorar os campos do municipio. No do Alivio substituíuse a herba natural pola artificial e tamén se crearon novas redes de drenaxe, rego, iluminación e adquiriuse novo equipamento deportivo. No campo do Regatiño de Goián instalouse un novo céspede artificial de nova xeración, repuxéronse bancos ausentes e substituíronse os deteriorados.