Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Méixome Quinteiro nn | Historiador e escritor

“A represión franquista matou 70 persoas no Val Miñor”

O investigador publica o primeiro libro que recolle a historia da persecución aos ‘rojos’ en toda a comarca

Carlos Méixome, co libro en Gondomar. | // MARTA G. BREA

Son moitas as achegas arredor das catro décadas negras do século XX na comarca. Algunhas a modo de artigos en revistas coma a do Instituto de Estudos Miñoráns, libros sobre o acontecido nalgún dos tres concellos en particular ou textos sobre episodios concretos da represión como a brutal historia da Volta dos Nove. Pero ata o de agora ningún traballo facía un compendio coma o que vén de publicar o historiador e escritor Carlos Méixome. Titúlase “Catas na memoria. A represión franquista no Val de Miñor”.Está nas librarías á espera de que a pandemia permita unha presentación oficial e conta co prólogo do tamén historiador e alcalde de Nigrán na actualidade, Juan González, autor doutro traballo sobre o acontecido naqueles anos escuros no seu municipio.

–Que atopamos nesta investigación?

–Non se debe entender como unha historia definitiva. Púxenlle “catas” porque son unhas prospeccións sobre algúns casos, pero falta moito por facer. A represión do Val Miñor é moito máis do que está aquí. Foi moi dura e ademais prolongouse moito tempo, polo menos ata os 50 polos fuxidos nos montes. Faría falla facer un estudio que se aproxime ao definitivo, pero tampouco o imos poder facer porque hai datos que non teremos. A represión en torno á muller non se pode documentar porque xa non contamos coa transmisión oral. As violacións, humillacións, rapas de pelo e a explotación económica coas mulleres de esquerdas quedarán no esquecemento.

–Queda moito por coñecer sobre o acontecido desde o 36 ao 75 no Val Miñor?

–Case todo. O que sucede coa memoria no Val Miñor é que unha cousa tan brutal coma a Volta dos Nove, en certa medida, ocultou o demais. Ás veces pénsase que mataron eses nove, pero unha semana antes, en Vincios, mataron a seis veciños de Alcabre. Cada pouco tempo aparecía un morto.

–Cantas vítimas houbo na comarca?

–A represión franquista asasinou aproximadamente 70 persoas no Val Miñor, pero vítimas foron moitísimas máis. É difícil saber cantos represaliados houbo. Só sometidos a causas militares por ‘rojos’ foron sobre 300 persoas, sen contar as detencións e paseos, as viúvas e fillos, etcétera.

–Son cinco capítulos os que presenta e comeza polo maxisterio.

–O labor máis grande da República fora a extensión do proceso educativo, a construcción de escolas e a dignificación da profesión, polo que tivo grandes defensores entre os mestres. Os que cito foron aqueles sancionados, uns máis duramente ca outros. O extremo da dureza foi o caso de Vázquez Grela, de Nigrán, que o pasean e o matan. A outros expúlsanos do corpo como o caso de Cribeiro ou o do mestre do Pósito de Baiona. Case todos tiñan relación coas sociedades agrarias e os sindicatos da época e aproximadamente foron depurados en torno ao 40% dos mestres no Val Miñor, sobre todo en Gondomar.

–Adícalle un apartado á Causa Xeral en Gondomar. Foi alí máis notable?

–O franquismo promoveuna en 1940 para instruir os delitos cometidos en España durante a dominación ‘roja’. Afectou aos tres concellos, pero sobre todo a Baiona e Gondomar. En Gondomar encarcerouse e castigouse aos concelleiros e alcaldes desa etapa e tamén se actuou contra organizacións coma o sindicato obreiro vinculado á UGT. Aí buscaron unha cabeza de turco que foi Joaquín Míguez Ledo, fusilado como exemplo para os demais dirixentes do sindicato. No caso de Baiona, o mesmo. Alí tamén había un movemento obreiro potente no mundo mariñeiro, dirixido fundamentalmente por Joaquín Mandado e tamén o sindicato de obreiros de Sabarís, liderado por Pepe e Agustín Villafines, este último era alcalde no 1936.

–Quen son Os de Priegue en Canido, que protagonizan outra peza do libro?

–O que sucedeu é que os de Baiona e os de Priegue foron a Canido o 23 de xullo, cinco días despois do golpe de Estado, e alí estiveron un día e medio tentando facerlle fronte ao exército para que non pasase. Cando apareceu unha avioneta e deixou caer dúas bombiñas, escaparon e todos foron perseguidos.Aí foi cando os sublevados tomaron o Val Miñor. Aquela noite chegaron as primeiras detencións en Baiona.

–Quen reprimía no Val Miñor?

–Os dirixentes da persecución eran o exército e a Garda Civil, os falanxistas eran o corpo de apoio, obedecían ordes. No caso do Val Miñor, o destacamento da Garda Civil de Baiona co famoso cabo Pena á fronte ocupábase de Baiona e de Nigrán e tamén había destacamento en Gondomar.

–Foi unha longa investigación. Onde atopou toda esa información?

–Si, son moitos anos. Realmente empecei isto pola movilización memorialísitca que se deu no 2005, cando desde o IEM comezamos as homenaxes da Volta dos Nove. Fixen moitos artigos para prensa local e despois recollín todo. Traballei no arquivo da Octava Región Militar, en Ferrol, onde se gardan as causas militares, nos arquivos municipais de Nigrán, Baiona e Gondomar, no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, Arquivo Militar de Segovia, Arquivo Provincial de Pontevedra. Tamén recollín moito nas hemerotecas, sobre todo “El Pueblo Gallego” que é o periódico que máis información contén dos anos anteriores ao golpe de Estado.

–É unha homenaxe este lilbro a todas esas vítimas?

–É unha forma de honrar a memoria de toda esa xente. É unha tarefa de recuperar a memoria das persoas ignoradas, os personaxes da historia que non saen nos libros. Pero é un libro de historia, non un intento memorialista, ten rigor histórico e está elaborado a partires de todos os mecanismos que coñezo como historiador.

Compartir el artículo

stats