Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

‘El Modelo de Rodeiro’, primeiro bus de Camba

Gumersindo Vázquez ‘O Suime’ fundou nos anos trinta unha empresa de transporte de viaxeiros co nome da que explotara con éxito en Cuba

Un dos autobuses de ‘El Modelo de Rodeiro’ en 1938. | // ARQUIVO CONCELLO DE TEO

A principios dos anos trinta do pasado século, Gumersindo Hermida Vázquez, O Suíme, un emigrante retornado de Cuba, poñía a andar a que debeu ser a primeira empresa de autobuses que funcionou nas terras de Camba. El Modelo Rodeiro, que así se chamaba, levaba o nome da empresa que este emprendedor explotara con éxito en La Habana, chegando a ter aquí tres autobuses que facían as liñas de Rodeiro a Santiago, todos os xoves, con parada na Casa Abeledo de Lalín; de Compostela a Ponte Ledesma, polas minas de Fontao e tamén carrexaban xente, mercadorías e gando ás entón concorridas feiras e romarías da contorna, ou ás augas do Carballiño de onde tamén traían botellas e garrafas por encargo.

Da empresa tivemos coñecemento ao ollar unha foto que se garda no arquivo municipal de Teo, na que aparece un ómnibus que loce o rótulo El Modelo de Rodeiro, coa matrícula PO-5556, carrozado no ano 1938 nos talleres de Carrocerías Iglesias de Luou (Teo-A Coruña) que entre 1930-50 equipaba a moitas empresas galegas de transporte de viaxeiros. Coa axuda de varios amigos e informantes, puidemos coñecer a curiosa historia desta empresa de viaxeiros que foi das pioneiras da comarca de Deza e do seu fundador, que imos tentar resumir aquí.

Rodeiro na década de 1960 era parada na liña de Lalín a Monforte. | // ARQUIVO DEPUTACIÓN PROVINCIAL

Parente dos Calviño

Gumersindo Hermida Vázquez, alcumado O Suíme por ser deste lugar da parroquia de Pescoso, onde naceu o 18 de marzo de 1897, era fillo de Cesáreo Hermida Calviño, natural de Rodeiro, e de Mª Josefa Vázquez Diéguez, de Pescoso, de onde eran tamén os avós paternos e maternos. Moi novo, emigrou a Cuba, onde casou coa súa paisana Avelina Calviño Ferradás, nativa de Río, filla de José Calviño Vázquez de Mouriz, e Florentina Ferradás Pereiro do Sisto, que tamén emigrara a Cuba no ano 1923, logo de ter un fillo de solteira chamado José Luís, que levou os seus apelidos e foi criado en Río cos avós, para logo emigrar para Arxentina, onde creou unha familia sen que nai e fillo volveran verse nunca. Dentro do matrimonio tiveron unha filla no ano 1930, chamada Ilda Isabel Hermida Calviño. Avelina, que finou con tan só 36 anos, era da podente casa de Vicente de Mouriz, e tiña varios irmáns, o maior deles chamado Avelino, casaría para Vilanova en Lalín con Rosa Friol Taboada, sendo os avós paternos de José María Calviño Iglesias (1943), ben coñecido por ser tido director de TVE e pai de Nadia Calviño, ministra e vicepresidenta no actual Goberno de España. Netos de Avelino e Rosa son tamén a pintora Mari Carmen Calviño (1938) e o profesor e escritor Julio Calviño Iglesias (1947), todos eles nativos da Xesta (Lalín) e fillos de Julio Calviño Friol e Josefina Iglesias Gayoso, segundo ten publicado o historiador lalinense Manuel Igrexas (Julio Calviño, o republicano de Doade, en Faro de Vigo, 8/7/2018).

Avelina e o seu fillo José Luis

Outro irmán, Maximino Calviño Ferradás, foi alcalde de Rodeiro a principios do século XX, en cuxa casa coñecida pola de Vicente en Río, teñen os seus descendentes un verdadeiro museo etnográfico. E outra irmá, Consuelo Calviño Ferradás, foi a nai do noso amigo e profesor Manuel Hermida de Aboldrón en Camba.

Puido ser un dos homes máis ricos de Rodeiro, pero "para iso non tiña cabeza"

No país caribeño, Gumersindo explotou a partir dos anos vinte unha empresa de autobuses, quizais coa denominación de El Modelo, que funcionou polo menos unha década. Logo de enviuvar e coa compaña da súa filla Ilda, volta da emigración cubana cara a 1932 poñendo a andar a referida empresa de viaxeiros en Rodeiro, que se ten pola pioneira no transporte nas terras de Camba. El Modelo de Rodeiro funcionou durante uns poucos anos, como xa se indicou, ao igual que unha taberna coa mesma denominación, que pararon a súa actividade nos primeiros anos da posguerra. Temos referencias de que O Suíme vendera parte da empresa a un veciño de Saa, en Pescoso, a quen non lle puido pagar en prazo, polo que lle foron embargadas as propiedades, o que fixo que a familia do debedor ficara arruinada e comezara unha nova vida en Barcelona. O que sabemos con certeza é que a mediados dos anos corenta O Suíme emigrou novamente, desta vez a Venezuela, coa que entón era a súa compañeira Encarnación Calvo –coñecida aquí por A Ferrolana–, da que tería unha filla tamén chamada Encarnación. Non temos constancia de como lles foi aló, pero logo duns poucos anos volveron para Rodeiro, onde fixeron casa para vivir na estrada que vai para Río. Aquí finaría Gumersindo un 19 de febreiro de 1979, cando contaba 82 anos de idade, sendo soterrado no camposanto de Rodeiro. Emigrante, emprendedor e aventureiro, puido ser un dos homes máis ricos de Rodeiro, se soubera e quixera administrar os moitos cartos que fixo na súa longa vida, “pero para iso non tiña cabeza”, segundo nos contan os seus descendentes.

Outras firmas en Camba

Outra empresa de transportes tivérona en sociedade Vicente Calviño e Manuel Lamazares, O Mejicano, da Casa Grande da Devesa aló polos anos corenta do pasado século. Ían ás feiras e festas da contorna. Era un ómnibus mixto, que levaba gando e xente para as feiras. Abaixo porcos e ovellas, xente sentada e gando vacún no medio e arriba tamén ían os máis mozos, aves e mercadorías variadas. Tamén ían ás romarías dos santuarios do San Miguel de Buciños na Barrela, ao Faro ou ao Corpiño. Nos anos setenta a empresa vendéronlla a Meixide de Agolada.

Para Calviño e Lamazares, traballaba de chófer Leopoldo López de Negrelos, coñecido por O troiteiro de Barbeitos, do que temos noticias de que chegou a ter un autobús a medias con Lareu de Rodeiro, un veciño que foi alguacil, que viñera de Anzo, en Lalín, onde a familia tamén tiña autobuses.

Nos 40. O Chus vírase mesturado na morte violenta dun viaxante xogando ás cartas

Por eses anos tamén temos coñecemento dunha empresa que tivo Jesús Fernández, coñecido por O Chus, herdada do seu pai, veciño de Aboldrón en Camba. O Chus, que morreu hai poucos anos, estaba casado cunha das Carpinteiras e tiveron un bar onda a consistorial de Rodeiro, no mesmo lugar no que anos máis tarde tivo parada O Celta que ía de Monforte a Santiago por Chantada, Rodeiro e Lalín. O autobús, que carrexaba xente para as feiras e festas, botou uns anos parado a medidos dos corenta logo de que O Chus se vira mesturado nunha morte violenta en Rodeiro. Cóntase que morrera un viaxante xogando ás cartas no café logo dunha discusión con pelexa que levou aos outros tres participantes á cadea.

Mesmo fronte ao café-bar do Chus paraba, na Casa do Mazás, o Auto Industrial, e na do Borraxeiro, a Empresa Monforte, que cos anos pasarían a formar parte da empresa Monbús, do sarriao Raúl López.

Tamén nos anos da posguerra andaban no transporte do leite os Frade de Río, que levaban xente e facían viaxes ao Ribeiro e tiñan os garaxes onda o campo da feira de Río... Aínda que dista, a cousa vai de ómnibus.

Empresas en Deza

Nos anos vinte do século pasado floreceron na comarca numerosas empresas de transportes de viaxeiros e mercadorías que por un tempo conviviron con carrilanas e arrieiros que usaban traccións de animais para percorrer as estradas e camiños de Galicia. A tracción mecánica iríase impoñendo ao tempo que xurdían pequenas empresas individuais ou en sociedade, algunhas delas chegadas aos nosos días.

Nos outros municipios de Deza houbo destacadas e recoñecidas empresas de viaxeiros, das que lembramos as de Cuíña, Lázara (Xan Varela) e Trabazo, en Silleda; Mariano de Prado, O Empalme de Vilatuxe, Lareu Pereiro de Anzo, Presas de Bendoiro e Alfonselle, en Lalín; Sieiro e Meixide, en Agolada; ou Mosquera, en Vila de Cruces que cada un deles ben merecería unha reportaxe que, pola súa amplitude, escapa a este que ofrecemos de Rodeiro, en cuxa elaboración contamos coa achega dos parentes de Gumersindo Hermida e Adelina Calviño, Amelia Diéguez Vence, Miluca, e do seu fillo Jesús Conde Diéguez e Manuel Hermida de Rodeiro; a de Rita Calviño Moreiras, en Buenos Aires e Eligio Hermida García na Coruña. Tamén nos axudaron o cura párroco de Rodeiro, Alvito García Fente, o exalcalde Luís López Diéguez, os amigos Javier de Paredes Diéguez, Anita García Vence, Claudio do Bar e Pilar Rodríguez Gil. A maiores, Pablo Sanmartín de Teo e Daniel Seijas de Pontecesures, proporcionaron senllas fotos para ilustrar este traballo.

Compartir el artículo

stats