O Museo Ramón Aller de Lalín será este sábado, día 17 (ás 18.30 horas) o escenario de representación de Os golfiños e o xigante, de Fantoches Baj.É unha peza de teatro de títeres e sombras, apta para nenos de tres anos en diante, e que está baseada no texto do mesmo nome que escribiu Inacio Vilariño. Cabe lembrar que esta creación obtivo no 2016 o XII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques infantil.

Os golfiños e o xigante é un espectáculo de sombras chinescas que narra unha historia real que ocorreu en decembro de 2006. En Fushun, nunha rexión china, dous golfiños tragaron as almofadas de plástico que servían de barreira na piscina do seu acuario. Cado os veterinarios tentaron operalos, foi imposible porque tiñan os estómagos contraidos. A única solución era meter a man pola gorxa dos animais e retirar eses plásticos dos seus estómagos. Os veterinarios localizaron a Bao Xishum, un pastor de 54 anos, de Mongolia, e que medía 2,36 metros e considerado o home máis alto do mundo. Ao ter uns brazos de 1,06 metros, puido retirar parte dos plásticos do estómago dos golfiños, mentres 10 persoas sostiñan a mandíbula dos animais para que non o mordesen. Aínda que non puido retirar todo o material, os restos puideron dixerilos os animais sen problema.